A Deputación apoia iniciativas que promocionan e dinamizan A Mariña
Por outra banda, Carmela López fixo entrega dos agasallos institucionais cos que a Deputación colabora coa VI Feira do Cabalo de Lourenzá, que se celebrará este domingo
A presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, e a presidenta da Mancomunidade de Concellos da Mariña, Rocío López, veñen de asinar este xoves no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración para apoiar as actividades de promoción turística que esta entidade realiza durante todo o ano. O obxectivo é contribuír á desestacionalización e promover un modelo turístico sostible, diversificado e de calidade na comarca mariñá.
Ao abeiro deste acordo a Mancomunidade continuará consolidando iniciativas turísticas como: o programa de rutas guiadas Plans con corazón, que se está a realizar ata o 14 de novembro; o proxecto Obradoiros con corazón, que nesta terceira edición ofrece nove experiencias de artesanía en distintos obradoiros da Mariña ata o 15 de novembro; e a consolidación da rede de aloxamentos Turismo Slow Norte de Galicia, que promove un modelo de turismo sostible a través dunha rede de aloxamentos e experiencias vinculadas á natureza, á cultura e á gastronomía local. Ademais, tamén hai previstas accións de promoción co obxectivo de dar a coñecer a riqueza natural, cultural e gastronómica da Mariña Lucense e atraer visitantes fóra da tempada alta.
Carmela López recordou que “a Deputación quere estar ao lado dos concellos e das entidades que traballan cada día para mellorar o seu territorio. Por iso, apoiamos iniciativas como as que desenvolve a Mancomunidade da Mariña, que permiten sumar esforzos, aproveitar os recursos da comarca e dar continuidade a proxectos que repercuten no conxunto do territorio”.
Apoio á VI Feira do Cabalo de Lourenzá
Este mesmo xoves e como mostra do apoio da Deputación ás iniciativas que contribúen a manter vivas as tradicións dos concellos da provincia, Carmela López entregoulle á tamén alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, os agasallos institucionais cos que a Deputación colabora coa VI Feira do Cabalo de Lourenzá, que se celebrará este domingo. Esta achega inclúe, entre outros agasallos, 22 figuras de cerámica de Gundivós.
Organizada polo Concello de Lourenzá e en colaboración coa Asociación de Cabaleiros de Lourenzá, a cita busca promover o cabalo de pura raza galega. A programación inclúe probas e concursos de andadura serrada e chapeda, compravenda de gando equino e un concurso morfofuncional de poldros.