A Deputación adxudica a cociña da residencia de Becerreá e impulsa a Casa da Botica
Licitadas con máis de 330.000 euros as obras de rehabilitación de todo o trazado da estrada provincial que conecta, en Friol, Devesa e Vilafiz e da de Cotá ao Cinto comarcal; e as de acondicionamento en Baleira dun tramo da que une Corveira con Restelo
A xunta de goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a adxudicación do equipamento industrial da cociña do Centro de Atención a Maiores (CAM) de Becerreá; a licitación de dúas actuacións na rede viaria provincial nos concellos de Friol e Baleira; e o convenio de colaboración con Ribeira de Piquín para mellorar as infraestruturas municipais de abastecemento de auga.
Así o informou este venres na rolda de prensa posterior á sesión semanal a voceira socialista do goberno, Pilar García Porto, quen aproveitou para dar conta tamén da sinatura que tivo lugar esta mesma mañá para formalizar o convenio co Concello de Guitiriz para financiar o remate das obras na Casa da Botica.
A contratación do equipamento e a adaptación das instalacións da cociña de Becerreá divídese en dous lotes. O primeiro, adxudicado á empresa Mariña Clima SL por 441.705,21 euros, inclúe o equipamento industrial e a adaptación das súas instalacións. O segundo quedou adxudicado á Socogas SA por 17.346,1€ e ten que ver coa subministración dun depósito de gas licuado do petróleo.
Novo convenio para o CAM de Guitiriz
No que ten que ver coas residencias da Deputación, García Porto sinalou tamén que esta mesma mañá Carmela López, presidenta da Deputación de Lugo, e Marisol Morandeira, alcaldesa de Guitiriz, asinaron o novo convenio de colaboración para financiar as obras necesarias para completar o Centro de Atención a Maiores da Casa da Botica.
O acordo prevé unha achega provincial de 3.137.597,68€ e unha achega municipal de 115.016,74 euros, o que eleva o total do investimento a 3.252.614,42 euros.
Este centro guitiricense contará con 46 prazas residenciais e dúas prazas de enfermería e as obras combinan a rehabilitación do edificio histórico da Casa da Botiva coa construción dun segundo inmoble.
Informou a deputada que o Concello xa concedeu a prórroga da licenza municipal e que entre os trámites pendentes para avanzar cara ao inicio das obras figuran a aprobación do plan de seguridade e saúde, a apertura do centro de traballo por parte de Tragsa e a sinatura da acta de replanteo.
Máis de 330.000 euros para rede viaria en Friol e Baleira
A xunta de goberno aprobou tamén a licitación de dúas actuacións na rede viaria provincial cun orzamento conxunto de 333.658,43€ e un prazo de execución de catro meses en cada caso.
En Friol, a intervención contempla a rehabilitación do firme de dúas estradas provinciais ao longo de todo o seu trazado. A LU-P-2109 entre Devesa e Vilafiz por Gonce; e a LU-P-2121 de Cotá ao Cinto Comarcal por Agruña. O orzamento conxunto para as dúas actuacións ascende a 159.644,19€.
En Baleira, as obras licitadas consistirán no acondicionamento dun tramo de catro quilómetros da LU-P-0401, que vai de Corveira a Restelo por Córneas. Os traballos afectan ao treito comprendido entre o punto quilométrico 11,7 e o 15,5 cun orzamento de 174.014,24€.
Mellora das captacións e depósitos de auga en Ribeira de Piquín
Outro dos acordos aprobados é o convenio de cooperación co Concello de Ribeira de Piquín para financiar os traballos de mantemento e mellora das infraestruturas municipais de abastecemento de auga, cun custo total de 48.663,08€.
A achega provincial será de 45.112,88 euros, mentres que o Concello asumirá os 3.550,2 restantes. As actuacións previstas inclúen a limpeza e desinfección das captacións, das conducións que transportan a auga aos depósitos e dos propios depósitos de Santalla e O Chao do Pousadoiro, así como a limpeza manual da vexetación do camiño de acceso a unha das captacións para facilitar o seu mantemento posterior.
Os traballos afectarán as dúas parroquias máis poboadas do municipio e beneficiarán a máis dun terzo da súa poboación. O Concello, que realiza directamente a xestión destas infraestruturas, prevé iniciar os traballos antes de que remate o ano.