A SD Burela prepara un programa de actividades para celebrar sesenta anos de actividade federada que contará co apoio da Vicepresidencia da Deputación
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colaborará na organización das actividades preparadas pola SD Burela para conmemorar o sesenta aniversario do club, que este mes de outubro cumpre seis décadas de participación continuada en competicións federadas.
O vicepresidente da Deputación Efrén Castro, o deputado de Mocidade Daniel García e o tenente alcalde de Burela Mario Pillado mantiveron este mércores unha reunión con Jairo Campo, presidente da entidade, na que abordaron o programa de actividades previstas, centradas na historia da SD Burela como referente deportivo e na súa dimensión social.
Efrén Castro e Daniel García valoraron “o interese do club por botar a vista atrás e recoñecer con este aniversario a labor das persoas que se implicaron ao longo do tempo na continuidade do proxecto deportivo” e destacaron “que iniciativas coma este demostrara a capacidade do deporte para crear comunidade e sentimento de pertenza”.
A recuperación de camisolas históricas e a proxección de dous documentais sobre a traxectoria do club son algunhas das propostas que se desenvolverán no marco do 60 aniversario durante o mes de novembro