Medio Rural e do Mar, Mocidade
Deputación de Lugo

A Vicepresidencia da Deputación impulsa unha nova edición do Expolugo A Rural, que revive a tradición gandeira do San Froilán cunha mostra de razas autóctonas

ÁREA DE RURAL
EXPOLUGO A RURAL
San Froilán
PResentación de Expolugo a Rural
O programa inclúe actividades divulgativas e técnicas dirixidas a ganderías e producións agrícolas

Tamén haberá degustación de produtos de razas autóctonas co programa “Un Gusto Rural, un Rural Degusto”

Lugo, 30 de setembro de 2026.- A Sala de Exposicións da Deputación de Lugo acolleu a presentación dunha nova edición da mostras agrogandeira Expolugo A Rural, que se celebrará os días 10 e 11 de outubro, co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

No acto, o deputado Rural, Daniel García, o vicepresidente da Deputación, Efrén Castro, a deputada de Cultura, Iria Castro, e o xerente do Pazo de Feiras e Congresos, Rubén López, presentaron o programa acompañados por representantes das asociacións gandeiras   Asoporcel, Avimós (Galiña de Mos), Boaga,  Ovica e Puraga.

A mostra,  que revive a tradición gandeira do San Froilán,  contará con exemplares de diferentes razas autóctonas galegas   – Cachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá, Vianesa, Rubia Galega e Limousin, Ovella Galega,  Cabra Galega,  Porco Celta,  Pura Raza Galega, Galiña de Mos e Can de Palleiro -, así como exemplares doutras razas recoñecidas polas súas características físicas e rendemento como as vacas Limousin, as ovellas Churra e as cabras Florida. No espazo da mostra poderase ver tamén maquinaria clásica do MUVICLA.

Daniel García explicou que “un ano máis apoiamos a participación das asociacións e ganderías de razas autóctonas no gran escaparate que é o San Froilán, dando visibilidade apoiando á súa  labor como piar económico e social e a súa contribución ao mantemento do territorio”.

O responsabel de Rural agradeceu “a colaboración e compromiso das asociacións gandeiras que, xunto ao persoal do Pazo de Feiras, participaron na elaboración do programa e se encargan de toda a loxística da mostra, achegando o rural á cidade e os visitantes que se achegan nestas datas a Lugo e revivindo a orixe gandeira das festas do San Froilán”.

O sábado, a partir das 13 horas, haberá unha degustación de produtos de razas autóctonas, da man do programa “Un Gusto Rural, un Rural Degusto” da Área de Medio Rural da Vicepresidencia da Deputación. O público asistente poderá probar, ata esgotar existencias: minihamburguesas de vaca Frieiresa, empanada de Galo de Mos, boliños de salchichón de Porco Celta, bolos preñados de chourizo de Cabalo de Pura Raza Galega ou croquetas de cordeiro de Ovella Galega.

A mostra celebrarase, como nas dúas últimas edicións, na carpa situada no Cantiño Nemesio Cobreros, a carón do Vello Cárcere. Estará aberta o sábado 10, de 10.30 horas a 20 horas e o domingo 11, de 11 horas a 14.30 horas. A entrada será de balde.

Xornadas técnicas no Pazo de Feiras e Congresos.

Durante o sábado, Expolugo A Rural organiza tamén unhas xornadas técnicas na sala Río Miño do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo. Trátase dunha xornada formativa con cinco charlas e presentacións de proxectos de interese profesional para ganderías e producións agrícolas.

Programa:
- 10.00 horas: A agricultura ecológica, a gran oportunidade
    Marcos Vázquez, responsable de promoción en CRAEGA
- 10.30 horas: Presentación do Proxecto de Testaxe de Machos.
    Ana Jamardo Cerneira, veterinaria de ADSG ACIVO e Amaia Santamarta Benito, técnica de OVICA.
- 11.00 horas: Presentación de GO PREVINOVIC. Aplicación da gandaría extensiva ovina e caprina como ferramenta de control e prevención de incendios en España. Caracterización e estudio dos beneficios
    Amaia Santamarta Benito, técnica de OVICA e Alejandro Salvatierra, gandeiro e asociado a OVICA e ACIVO.
- 11.30 horas: Lingua Azul. Situación actual e incidencias, vacinación e perspectivas.
    Ana Jamardo Cerneira, veterinaria de ADSG ACIVO.
- 12.00 horas: VISITA ZOOSANITARIA : Repercusións ós titulares das explotacións de pequenos rumiantes. (Veterinario de explotación)
    Miguel Viña Vázquez, veterinario de ADSG ACIVO
- 12.30 horas: Asemblea de ADSG