A Vicepresidencia da Deputación adxudica a reforma da Escola Provincial de Piragüismo para mellorar a súa funcionalidade e eficiencia enerxética
A Xunta de Goberno da Deputación aprobou este venres a adxudicación das obras de reforma da Escola Provincial de Piragüismo, por un importe de 314.711,86 euros. O proxecto, financiado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, inclúe a ampliación dos vestiarios, a renovación da instalación térmica e da carpintería e a mellora da accesibilidade ao edificio.
A actuación máis relevante desenvolvenrase na planta baixa do edificio, onde se suprimirán os espazos menos funcionais para unificar as dúas zonas de hangar e ampliar as zonas de vestiario, tanto masculina como feminina.
Ademais da ampliacion, o proxecto contempla a renovación completa dos vestiarios, tanto en distribución como en instalacións e acabados. Tamén se construirá unha sala de caldeiras e unha nova instalación de enerxía solar térmica para a auga quente sanitaria, que xunto á renovación de elementos de carpintería mellorará a eficiencia enerxética do edificio.
No exterior, a intervención centrarase na creación dunha rampa desde a rúa de acceso ata a entrada principal ao inmoble.
A adxudicación fixa un prazo de execución de nove meses, a partir da sinatura do contrato.
Pantalán accesible
O proxecto contempla tamén habilitar novas portas de saída do hangar, preparando o edificio para a creación dun pantalán accesible, que facilite o acceso ao río de piragüistas con mobilidade reducida.
Esta intervención na plataforma de acceso ao río e no pantalán abordarase nunha segunda fase, unha vez se conclúa a redacción dun proxecto específico para este ámbito, seguindo as indicacións emitidas pola Confederación Hidrográfica.