Deputación de Lugo

O Concurso de Gando Cabalar, Mular e Asnal da Fonsagrada celebra a trixésimo terceira edición co apoio da Deputación

a fonsagrada
Carlos López
O Deputado de Medio Ambiente e Alcalde do municipio participou este martes na cita que tivo lugar no Mercado Gandeiro e que incluíu un Concurso Morfolóxico de Cabalas e Eguas de Pura Raza Galega a unha exhibición de Doma de Alta

Carlos López puxo en valor o compromiso da institución provincial co sector primario a través da Granxa Gayoso Castro que definiu como “un centro de referencia na provincia a través da recría, a formación, a innovación e a investigación vinculadas á gandería”

O Deputado de Medio Ambiente e Alcalde da Fonsagrada, Carlos López López, participou este martes no XXXIII Concurso de Gando Cabalar, Mular e Asnal que se está a celebrar no recinto do Mercado Comarcal Gandeiro deste municipio da montaña. A cita conta coa colaboración da institución provincial a través do Servizo de Audiovisuais e a doazón de dous trofeos. 

Carlos López puxo en valor o compromiso da institución provincial co sector primario a través da Granxa Gayoso Castro que definiu como “un centro de referencia para a provincia de Lugo a través da recría, a formación, a innovación e a investigación vinculadas á gandería”. Nese sentido, avanzou que “instalacións provinciais, situadas en Castro de Rei, acollen unha importante labor de apoio á recría de Rubia Galega en colaboración con ACRUGA e co primeiro centro de iniciativa pública creado en España para a recría de gando vacún de leite”. 

O evento, que conta cunha gran tradición na comarca e que está organizado pola Asociación Pura Raza Cabalo Galego, arrancou ás 11:00 horas co Concurso Morfolóxico de Cabalas e Eguas de Pura Raza Galega onde o xurado comprobou as características dos exemplares participantes. O certame contou coa modalidade de ponis, cabalos do país, cruzados, percheróns, cruzados de percherón, Pura Raza Galega e andadura galega en dúas modalidades: Serrada e Chapeada. A continuación, tivo lugar a exhibición de Doma de Alta escola con eguas de pura raza galega.