Deputación de Lugo

A Deputación inicia en Guitiriz a mellora da estrada que comunica A Raiola con Buriz

Guitiriz
A institución provincial destina máis de 200.000€ a estes traballos cos que renovará un tramo de máis de catro quilómetros da LU-P-2207. O proxecto inclúe a reapertura de cunetas e a pavimentación con aglomerado en quente

A Deputación de Lugo vén de iniciar esta semana en Guitiriz os traballos de mellora da estrada provincial LU-P-2207, que vai desde A Raiola, por Ponte Corbal, ata a parroquia de Buriz. A institución provincial destina 206.789,00€ a estas obras, que afectan a un tramo de máis de catro quilómetros, concretamente, o treito que vai desde o punto quilométrico 7,118 ao 11,472. 

O proxecto contempla a reapertura de cunetas e a pavimentación con aglomerado en quente. O prazo de execución destes traballos é de tres meses e a empresa que os está a executar é OVISA PAVIMENTOS Y OBRAS, S.L.U.  

Trátase dunha actuación de gran importancia xa que se trata dunha vía moi empregada pola veciñanza para acceder aos servizos básicos, pois conecta estes núcleos coa estrada autonómica LU-170. Con estes traballos, a institución provincial contribúe a garantir unhas boas condicións de comunicación e accesibilidade na zona. Así mesmo, favorece os desprazamentos da veciñanza e mellora as condicións de circulación, seguridade e comodidade das persoas usuarias da vía.