Carmela López dá a benvida á veciñanza de Burela na xornada sobre a eclipse solar que organiza a Deputación
A Presidenta da Deputación de Lugo e Alcaldesa de Burela, Carmela López, saudou este domingo aos veciños e veciñas que participaron na conferencia divulgativa gratuíta sobre a eclipse solar que tivo lugar na Nave de Redes do Porto de Burela. A xornada Astronomía básica da eclipse, planificación e observación segura, organizada conxuntamente pola institución provincial e o Concello burelés, foi impartida por Antonio Pazos Pérez, divulgador astronómico da FAAE (Federación de Asociacións Astronómicas de España).
Carmela López, quen tamén repartiu lentes homologadas aos asistentes, recordou que “Burela é un dos lugares privilexiados para vivir un acontecemento histórico como a eclipse solar do vindeiro 12 de agosto”. Recordou tamén que “desde a Deputación de Lugo levamos meses traballando para que a veciñanza poida desfrutala con todas as garantías. Por iso, puxemos en marcha unha ampla campaña de divulgación por toda a provincia, con charlas informativas e o reparto de 35.000 lentes homologadas e 45.000 dípticos informativos”.
Esta xornada enmárcase dentro dunha programación posta en marcha por ambas administracións co obxectivo de achegar aos veciños e veciñas coñecementos, información e ferramentas que lles permitan gozar deste fenómeno de forma segura. Tras a conferencia, tivo lugar un obradoiro de observación solar, e, pola tarde, celebrarase outro taller infantil de astronomía. Ademais, o propio día do eclipse, realizarase a Ruta das perseidas, unha ruta guiada gratuíta de subida ao Monte Castelo. As persoas interesadas en coñecer máis detalles poden facelo a través deste enlace: https://turismo.burela.org/es/eventos .