Deputación de Lugo

A Deputación apoia a celebración da II Concentración do Motoclube Rábade Biker's, que séra os días 22 e 23 de agosto

A Deputación de Lugo colabora cunha achega de 1.500 euros na organización da II Concentración do Motoclube Rábade Biker's, que se celebrará os vindeiros 22 e 23 de agosto en Rábade. O Deputado de Medio Ambiente, Carlos López, participou na tarde do venres na presentación oficial da cita xunto ao presidente do Motoclube Rábade Biker's, José Antonio Baamonde Simón, entidade organizadora do evento e outras autoridades. 

Durante o acto, o Deputado puxo en valor o traballo que desenvolve o Motoclube Rábade Biker's para impulsar unha iniciativa que contribúe a dinamizar a vida social e económica do municipio e da comarca, ao tempo que promove a convivencia e atrae visitantes. Carlos López destacou tamén o compromiso da Deputación co tecido asociativo da provincia e co apoio a eventos que contribúen á promoción do territorio e á xeración de actividade nos concellos lucenses.

A II Concentración do Motoclube Rábade Biker's desenvolverase os días 22 e 23 de agosto cun amplo programa de actividades pensado tanto para os afeccionados ao motociclismo como para o público en xeral. Haberá rutas moteiras, concertos, sesións musicais, zona de acampada, postos de venda, comida popular e diferentes actividades que converterán Rábade nun punto de encontro para centos de amantes das dúas rodas durante toda a fin de semana.