A Deputación inicia obras de mellora do Cinto Comarcal ao seu paso por Outeiro de Rei, Begonte e O Corgo
A Deputación de Lugo vén de iniciar as obras de rehabilitación do firme da estrada provincial LU-P-1611, coñecida como o Cinto Comarcal, unha actuación que permitirá mellorar o estado desta infraestrutura viaria ao seu paso polos concellos de Outeiro de Rei, Begonte e O Corgo. Os traballos forman parte do programa de conservación e modernización da rede provincial de estradas, co que a institución continúa reforzando a seguridade e a calidade das comunicacións en toda a provincia.
As obras foron adxudicadas á empresa OVISA Pavimentos y Obras, S.L.U. por un importe de 604.153 euros. A intervención contempla a rehabilitación do firme en tres treitos da estrada, concretamente entre os puntos quilométricos 56,745 e 62,175, 125,850 e 126,825, e 130,559 e 131,314. A actuación comeza coa limpeza de cunetas no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 125,850 e 126,825, un labor previo indispensable para garantir a correcta evacuación das augas e favorecer a conservación do novo pavimento.
Coa renovación do firme eliminaranse as deterioracións acumuladas polo paso do tempo e do tráfico, mellorando a regularidade da calzada, incrementando a seguridade viaria e proporcionando unha circulación máis cómoda e eficiente para os milleiros de usuarios que empregan esta estrada provincial.
Durante a execución dos traballos poderán producirse restricións puntuais ao tráfico, que estarán debidamente sinalizadas para garantir tanto a seguridade das persoas usuarias da vía como do persoal que participa na obra.