A Deputación de Lugo apoia a Festa dos Choferes de Alfoz no seu 60 aniversario
A colaboración provincial, comprometida para esta edición, destínase a catro liñas fundamentais do programa: grupos musicais, a edición do libro conmemorativo do 60 aniversario, o servizo preventivo de ambulancia e a produción dunha exposición fotográfica retrospectiva ao aire libre que repasa seis décadas de historia da festa
O Deputado de Recursos Sostibles, Francisco Cajoto, visitou este mércores o Campo da Festa de San Pedro de Mor, en Alfoz, onde mantivo un encontro coa directiva da Asociación Cultural Xuvenil O Castelo para coñecer de primeira man os preparativos dunha cita “fundamental” para este municipio: a Festa dos Choferes, que este ano acada a súa 60ª edición.
A achega provincial, comprometida para esta edición, supera os 9.000€ e servirá para a contratación de grupos musicais; a edición do libro conmemorativo do 60 aniversario, que recolle textos, testemuños e a evolución cronolóxica da festa a través de imaxes e relatos das edicións pasadas; o servizo preventivo de ambulancia; e unha exposición fotográfica retrospectiva ao aire libre que amosa o cambio xeracional da festa ao longo das súas seis décadas.
Durante a visita, Cajoto, que estivo acompañado do equipo de goberno de Alfoz, puido comprobar o traballo que a comisión organizadora leva meses desenvolvendo para que a festa estea á altura dunha efeméride tan sinalada, e trasladou aos membros da directiva o compromiso da institución provincial coa celebración.
“Estamos ante unha das festas con maior arraigo e identidade de todo o norte da provincia, e o feito de cumprirse seis décadas dá aínda máis sentido ao noso apoio”, sinalou, quen destacou o valor etnográfico e social da ruta de coches e da tradicional bendición de vehículos, os dous actos que converten o domingo da festa nunha xornada única na comarca.
Catro días de festa
A Festa dos Choferes, organizada pola Asociación Cultural Xuvenil O Castelo, combina ao longo de catro días sesións musicais, actos relixiosos e xogos tradicionais, mais é o domingo cando acada a súa máxima expresión: unha comitiva de camións, coches e motocicletas percorre todas as parroquias do concello de Alfoz antes de regresar ao Campo da Festa, onde o párroco local bendice individualmente cada un dos vehículos participantes, nun rito herdado de xeración en xeración que rende homenaxe ao sector do transporte da zona.