Cultura
Deputación de Lugo
Turismo

O Festival 17º Ribeira Sacra celebra o seu 10 aniversario co apoio da Deputación

ivan castro díaz
17º Ribeira Sacra
Ribeira Sacra
O Deputado de Participación Cidadá participou este xoves na presentación deste evento musical que terá lugar esta fin de semana en diferentes escenarios da zona sur de provincia e inclúe un cartel de 12 artistas de renome

O Deputado de Participación Cidadá, Iván Castro Díaz, participou este xoves na Bodega Regina Viarum na presentación da décima edición do Festival 17º Ribeira Sacra, a cita musical que se celebra esta fin de semana en diferentes escenarios desta comarca. A institución provincial impulsa o Festival, que combina música, viticultura, gastronomía e paisaxe, cunha achega económica de 30.000€. No acto de presentación o deputado provincial estivo acompañado polo Director do Festival, Carlos Montilla, o representante de Bodegas Regina Viarum, Iván Gómez, así como por alcaldes da zona e outras autoridades. 

Iván Castro destacou que “quen chega á Ribeira Sacra por este festival non leva só o recordo dun concerto, leva a experiencia dunha paisaxe única, dun patrimonio excepcional, dunha viticultura heroica e dunha gastronomía que fala do territorio. Este modelo encaixa plenamente coa forma de traballar da Deputación de Lugo. Cremos nun turismo que pon en valor o que somos, que respecta a identidade dos lugares e que xera oportunidades para as persoas que viven neles”. 

Así mesmo, definiu esta comarca como “un dos grandes símbolos da provincia de Lugo. Un espazo no que natureza, historia e traballo humano conviven desde hai séculos. Iniciativas coma esta axudan a proxectala, facendo que cada experiencia sexa diferente e irrepetible”. O deputado provincial rematou a súa intervención poñendo en valor a implicación da organización, das administracións, das adegas, dos concellos colaboradores e de todas as persoas “que conseguen que cada edición sexa un éxito”. 

Cartel excepcional
A programación musical contará con The Divine Comedy como un dos grandes protagonistas. A banda liderada por Neil Hannon ofrecerá en Dezaseteº Ribeira Sacra o seu único concerto en Galicia en 2026 e a súa segunda actuación en España durante este ano. O cartel reúne tamén a Sidonie, unha das formacións máis destacadas da escena independente estatal; e a Baiuca, que chega á Ribeira Sacra na recta final da xira de Barullo, nun dos seus penúltimos concertos antes do peche desta etapa artística. Completan a programación Anni B Sweet, Puño Dragón, Vera Fauna, Los Invaders, MounQup, mariagrep & Mundo Prestigio, pablovalle, Rivouzo DJs e Tristón DJ.

A música comezará o venres 24 de xullo no Escenario Concertos do Xacobeo en Bodegas Regina Viarum con Baiuca, Anni B Sweet e mariagrep & Mundo Prestigio. O sábado 25, o mesmo escenario acollerá as actuacións de The Divine Comedy, Puño Dragón e Sidonie, ademais da programación de DJs e da oferta gastronómica do recinto.

Once experiencias para descubrir a Ribeira Sacra
Un dos elementos máis recoñecibles e icónicos de Dezaseteº Ribeira Sacra é a súa programación de experiencias, concibida para coñecer o territorio a través dos seus viños, sabores, oficios, paisaxes e patrimonio. Nesta décima edición desenvolveranse once propostas repartidas por diferentes enclaves da Ribeira Sacra. Haberá navegación polo río Sil, actividades vitivinícolas, rutas, visitas singulares, gastronomía e encontros que convidan a vivir o territorio de maneira pausada e respectuosa. 

Música e gastronomía de acceso libre
O festival manterá tamén a súa aposta por abrir parte da programación ao conxunto do territorio e ofrecer actividades de entrada libre. O sábado 25, o Santuario de Nosa Señora de Cadeiras, en Sober, acollerá desde o mediodía o Mercado Gastro(Arte)Sano, unha proposta que reunirá gastronomía, viños e produtos vinculados á Ribeira Sacra. A xornada contará, ademais, co concerto de Los Invaders no Escenario Alhambra e con diferentes sesións DJ.

O peche do décimo aniversario chegará o domingo 26 á praza do Cantón de Chantada, cunha nova xornada de acceso libre protagonizada por Vera Fauna. A actuación completarase con música DJ e cunha zona gastronómica, convertendo o centro da vila nun espazo de encontro para despedir tres días de festival.

As persoas interesadas en coñecer a programación ao completo poden consultar a páxina web do Festival 17º Ribeira Sacra: https://festivalribeirasacra.com/ .