Deputación de Lugo

A Deputación ultima coa Federación a organización do Iberdrola Surfing Day Burela

carmela lópez
Surf
Burela
A Xunta de Goberno aprobou este venres a adxudicación do contrato para desenvolver esta xornada dedicada ao surf feminino, que combinará deporte, formación e divulgación o vindeiro 12 de setembro na praia burelesa da Marosa

A Presidenta mantivo un encontro con membros da Federación Española de Surfing para definir a programación dun evento co que, “queremos seguir situando á Mariña como un destino de referencia para o turismo deportivo e sostible, ao tempo que promovemos a igualdade a través do deporte”

A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, mantivo un encontro na praia da Marosa cos responsables da Federación Española de Surfing para ultimar a programación do Iberdrola Surfing Day Burela, un evento deportivo e divulgativo que terá lugar o vindeiro 12 de setembro neste areal mariñán. A Xunta de Goberno deste venres aprobou contratar á Federación para levar a cabo a organización deste evento que desenvolverá actividades dirixidas tanto a deportistas como ao público en xeral.

Carmela López destacou que esta iniciativa representa unha nova aposta da Deputación “por combinar deporte, igualdade, promoción turística e respecto polo medio mariño, aproveitando o enorme potencial do litoral lucense”. Neste senso, subliñou que “a praia da Marosa converterase no epicentro do surf feminino nacional e para seguir consolidando a Mariña como un destino de referencia para o turismo deportivo e sostible”.

A Presidenta lembrou que a igualdade é un dos eixos prioritarios da acción do Goberno da Deputación, contribuíndo a eliminar barreiras, crear referentes femininos e fomentar unha maior participación das mulleres de forma transversal. “O Iberdrola Surfing Day Burela contribuirá a dar visibilidade ao surf feminino entre as novas xeracións, promovendo a igualdade de oportunidades a través do deporte e transmitindo valores como o esforzo, a superación e o traballo en equipo”, afirmou. 

Programa da xornada

A programación do Iberdrola Surfing Day Burela desenvolverase ao longo de toda a xornada combinando deporte, formación, divulgación e sensibilización ambiental. O evento terá como principal atractivo unha masterclass e un clinic de surf impartidos pola deportista internacional Janire González Etxabarri, unha das grandes referencias do surf español, quen compartirá a súa experiencia coa canteira feminina galega a través dunha sesión práctica na auga, correccións técnicas personalizadas e un encontro coas participantes.

A xornada incluirá tamén bautismos gratuítos de surf dirixidos a mulleres sen experiencia previa, co obxectivo de facilitar o acceso a este deporte e fomentar a súa práctica entre novos públicos. Ademais, celebrarase o encontro Muller e Deporte, unha mesa redonda aberta ao público na que representantes institucionais, da Federación Española de Surfing, de Iberdrola e deportistas de referencia abordarán cuestións como a igualdade no deporte, a importancia dos referentes femininos ou o futuro do surf olímpico.

O programa completarase cun espazo aberto á cidadanía con actividades de dinamización, un photocall institucional, música e diferentes propostas divulgativas sobre sustentabilidade e protección do medio mariño, reforzando o compromiso do evento coa conservación da contorna e coa promoción dun modelo de turismo deportivo responsable.