Deputación de Lugo
Formación

A Fonsagrada acolle este xoves un novo obradoiro contra a desinformación impulsado pola Deputación de Lugo

xornalismo
A actividade, gratuíta e aberta ao público adulto, forma parte do programa de alfabetización mediática que impulsa a institución provincial e desenvolverase o xoves, ás 12.30 horas, na Casa da Cultura fonsagradina, sen necesidade de inscrición previa

A Deputación de Lugo continúa desenvolvendo por toda a provincia o programa de obradoiros contra a desinformación que impulsa en colaboración co Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. A próxima cita terá lugar este xoves, 9 de xullo, ás 12:30 horas, na Casa da Cultura da Fonsagrada, cunha actividade gratuíta e aberta á participación de toda a cidadanía, sen necesidade de inscrición previa.

Esta iniciativa forma parte dun programa que chegará a unha vintena de concellos lucenses co obxectivo de ofrecer á poboación ferramentas prácticas para identificar contidos falsos ou manipulados, verificar a información que recibe e facer un uso máis responsable e crítico dos medios de comunicación e das redes sociais. Os obradoiros están impartidos por profesionais do xornalismo con formación específica en alfabetización mediática.

Durante a sesión abordaranse cuestións como o funcionamento da desinformación, o impacto das noticias falsas na sociedade, as estratexias para detectar contidos enganosos e os recursos dispoñibles para comprobar a veracidade da información antes de compartila. A actividade combina explicacións teóricas con exemplos prácticos para facilitar que as persoas asistentes adquiran habilidades útiles para o seu día a día.

O obradoiro estará impartido por Pilar Rodríguez Losada, xornalista profesional cunha ampla experiencia como redactora e editora na Televisión de Galicia e nas plataformas online da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia. Como todas e todos os formadores dos obradoiros, Rodríguez Losada recibiu formación específica en alfabetización mediática para poder trasladar á poboación dunha maneira máis eficiente as mellores estratexias para recoñecer e combater a desinformación.

Con este programa, a Deputación de Lugo reforza o seu compromiso coa formación da cidadanía e coa promoción dunha sociedade máis crítica, informada e preparada para afrontar un dos grandes desafíos da comunicación actual. A colaboración co Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia permite achegar este tipo de accións formativas ao conxunto da provincia, favorecendo a igualdade de oportunidades no acceso ao coñecemento e á educación mediática.