Deputación de Lugo
Turismo

Carmela López reforza o apoio da Deputación á Ribeira Sacra coa renovación do convenio co Consorcio de Turismo ás portas da decisión da UNESCO

Ribeira Sacra
A Presidenta da institución provincial e o responsable da entidade turística asinaron o acordo no miradoiro de Santiorxo “nun contexto de máxima proxección internacional, no que temos claro que debemos potenciar un modelo sostible que protexa o territorio”

A Deputación achega 25.0000€ para este pacto que mobiliza un total de 160.000€ co obxectivo de impulsar a promoción e a xestión do destino “reforzando unha estratexia que protexa a paisaxe e o patrimonio, fortaleza o tecido económico e contribúa a fixar poboación na contorna”

A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, vén de formalizar o apoio da institución provincial á Ribeira Sacra coa renovación do convenio anual de colaboración co Consorcio de Turismo. A sinatura do acordo co responsable da entidade, Luís Fernández Guitián, tivo lugar no miradoiro de Santiorxo, un dos espazos máis emblemáticos da comarca, nun momento especialmente significativo para o territorio.

Mediante este acordo, a Deputación achega 25.000€ a un convenio dotado con 160.000€, que permitirá garantir o funcionamento da estrutura técnica e administrativa do Consorcio de Turismo durante este ano. O financiamento resulta esencial para continuar executando proxectos estratéxicos, xestionar fondos públicos doutras administracións, apoiar aos concellos e ao sector turístico, promover o destino e coordinar actuacións orientadas ao desenvolvemento sostible da comarca.

Entre o 20 e o 29 de xullo, o Comité do Patrimonio Mundial da UNESCO reunirase en Busán (Corea do Sur) para pronunciarse sobre a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial, unha decisión que sitúa a comarca nun contexto de máxima proxección internacional. Neste escenario, Carmela López subliñou que “temos claro que debemos potenciar un modelo sostible que protexa o territorio”, ao tempo que destacou a importancia de seguir fortalecendo a colaboración entre administracións para consolidar a Ribeira Sacra como un destino de referencia.

A Presidenta valorou que este convenio permite seguir “reforzando unha estratexia que, independentemente da decisión final da UNESCO, protexa a paisaxe e o patrimonio, fortaleza o tecido económico e contribúa a fixar poboación na contorna”. Neste sentido, lembrou que o Consorcio desempeña un papel clave na execución dos Plans de Sostibilidade Turística en Destino, na captación e xestión de recursos doutras administracións, na promoción da Ribeira Sacra e no impulso de proxectos vinculados á conservación e posta en valor do patrimonio, ademais de colaborar con iniciativas culturais, deportivas e profesionais que contribúen á dinamización e á desestacionalización do destino.

Carmela López concluíu reafirmando o compromiso da Deputación coa Ribeira Sacra e co impulso dun modelo de desenvolvemento turístico baseado “na cooperación institucional, na protección da paisaxe e do patrimonio e na creación de oportunidades para o desenvolvemento económico e social da comarca”.

Miradoiro Sabtiorxo