A Deputación participa nos actos centrais do Arde Lucus, que impulsa a Deputación con 50.000€
A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, o Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández, e o Deputado de Participación Cidadá, Iván Castro, participaron este sábado nos actos centrais do Arde Lucus, festa declarada de Interese Turístico Internacional. Os representantes provinciais asistiron á recepción de tropas e tribos estranxeiras na Praza Maior que inclúe os nomeamentos de Civitas Honoris; visitaron o campamento da Cohors III Lucensium, entre outros; e formaron parte da comitiva institucional do gran desfile de tropas romanas e tribos castrexas pola Muralla, no que participan todas as asociacións que fan posible esta festividade.
A Presidenta puxo en valor o traballo dos colectivos de recreación histórica, aos que definiu como “a verdadeira alma desta festa”, destacando o seu esforzo constante para facer posible unha recreación rigorosa do pasado romano e castrexo da historia de Lugo. Así mesmo, subliñou o compromiso da Deputación de Lugo con esta festa castrexo-romana desde os seus inicios e recordou que a institución provincial é a principal administración colaboradora cunha achega de 50.000 euros, destinada a reforzar a súa proxección cultural, turística e económica.