A Deputación anuncia que os maderistas rehabilitarán na Pobra do Brollón estrada que danaron, a LU-P-4707
A Deputación de Lugo anunciou este mércores que os maderistas rehabilitarán a estrada provincial LU-P-4707 que danaron entre Pobra do Brollón e Veneira de Roques por Saa. Unha vía que foi utilizada por varias empresas para sacar a madeira queimada que quedou dos lumes forestais que tiveron lugar no 2022 entre este municipio e o de Folgoso do Courel, provocando desperfectos ao longo de todo o trazado.
Unha vez finalizados os labores forestais nesta estrada da Deputación, os técnicos da institución provincial elaboraron un informe das melloras necesarias e o seu custo, comprometéndose as empresas a asumir a reparación de forma inmediata.
Os danos máis importantes sucederon a partir do punto quilométrico 2,8 e están previstas diferentes actuacións, que consistirán por unha parte na limpeza das cunetas e das marxes, nas que será necesario recuperar o ancho orixinal da vía; e a mellora do firme, que terá en conta os diferentes materiais orixinais do mesmo.
Esta vía, que ten unha lonxitude que supera os 11 quilómetros ao longo do seu trazado, parte da autonómica LU-653 e dá servizo a diferentes núcleos de poboación e a capela de San Vitorio, un dos enclaves máis coñecidos do municipio pola romaría que se celebra cada mes de agosto.