A Deputación sitúa a provincia como referente en biodiversidade na apertura dun foro internacional sobre turbeiras
O Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández Méndez, participou este martes na inauguración dun workshop internacional organizado polo instituto IBADER e a Universidade de Santiago de Compostela no marco do proxecto LIFE Wild Atlantic Nature, unha iniciativa europea centrada na restauración de turbeiras.
O encontro reúne en Lugo a especialistas, representantes institucións e persoal investigador de Galicia e Irlanda co obxectivo de promover o intercambio de coñecemento arredor da conservación e restauración destes solos húmidos, ecosistemas de alto valor ambiental e claves na loita contra o cambio climático.
Miguel Fernández puxo en valor que a provincia sexa o escenario deste encontro internacional, subliñando que “é un recoñecemento ao papel da provincia como territorio de referencia en sustentabilidade, biodiversidade e xestión responsable do medio natural”. Destacou que a provincia lucense é unha das áreas con maior riqueza ambiental de Europa, “na que máis do 80% do territorio está amparado por algunha figura de protección, especialmente a través das Reservas da Biosfera, o que reflicte unha traxectoria consolidada de compromiso coa conservación do patrimonio natural”.
Lembrou a xestión da Deputación nas reservas Terras do Miño e Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá. “Exemplos dun modelo de desenvolvemento baseado no equilibrio entre a protección da natureza, a actividade económica e o benestar da cidadanía”, incidiu o Deputado.
Fernández Méndez valorou especialmente o proxecto LIFE Wild Atlantic Nature, que “promove a cooperación entre administracións públicas, comunidade científica e poboación local”, e subliñou que encontros como este “abren novas vías de colaboración internacional e contribúen a dar a coñecer a riqueza natural dunha provincia orgullosa do seu territorio e do traballo das persoas que o coidan cada día”.