Deputación de Lugo

A Deputación participa na presentación do libro 100 Olladas polo 60 aniversario de ASPNAIS

ASPNAIS

O Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández Méndez, participou este luns na presentación do libro 100 Olladas, unha publicación editada para conmemorar o 60 aniversario da Asociación de Pais ou Titores de Persoas con Discapacidade Intelectual de Lugo (Aspnais). Miguel Fernández puxo en valor esta obra “que recolle a traxectoria dunha entidade que é un referente social para Lugo a prol da inclusión e da mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual e das súas familias”. Así mesmo, destacou que “Aspnais representa os valores dunha sociedade máis xusta, solidaria e inclusiva. O seu labor durante estas seis décadas contribuíu a avanzar na igualdade de oportunidades e a construír unha provincia mellor para todas e todos”. 

Lembrou o Deputado o compromiso da Deputación con este colectivo ao que a institución provincial achega anualmente 5.000 euros para o programa de intervención psicolóxica de Aspnais, destinado a mellorar a calidade de vida dos seus usuarios. Ademais, destacou que a institución provincial ten cedidas á asociación as antigas instalacións do Hospital San Xosé, favorecendo así a súa actividade e a atención que presta na provincia.