Deputación de Lugo

A Deputación participa na inauguración da mostra Contemos multitudes sobre o dano cerebral adquirido

adace
Pablo Rivera Capón

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este xoves na inauguración de Contemos multitudes, unha mostra sobre o dano cerebral adquirido que se poderá ver no Vello Cárcere de Lugo ata o vindeiro 30 de xullo. “As sociedades adoitan medir o seu progreso en datos, en cifras, ou en resultados económicos; pero hai outra maneira de medilo: a capacidade que temos para non deixar a ninguén atrás cando a vida dá un xiro inesperado”, destacou Rivera Capón na apertura da exposición impulsada pola Asociación de dano cerebral adquirido (ADACE).

Achegar á cidadanía a realidade do dano cerebral adquirido e as consecuencias desta lesión, que pode afectar á mobilidade, á comunicación, á memoria ou á autonomía persoal, é o obxectivo da mostra, que emprega retratos, fotografías e testemuñas. “Unha mirada que compartimos desde a Deputación, porque construír unha provincia mellor consiste tamén en construír unha sociedade máis inclusiva, máis consciente e máis humana”, apuntou o Deputado. Nese sentido, subliñou que a institución provincial achega a ADACE Lugo 12.000€ anuais para afrontar os gastos do seu centro de día e facilitar a contratación dun neuropsicólogo.