Pastoriza reforza a súa oferta turística cun área de autocaravanas financiada pola Deputación
Cajoto sinalou que “apoiamos proxectos que axuden aos concellos a impulsar as súas potencialidades turísticas e económicas” e recordou tamén que o investimento realizouse a través do Plan Deputación e foi de case 70.000€
O Deputado de Recursos Sostibles, Francisco Cajoto Caserío, participou este sábado na inauguración da nova área de autocaravanas de Pastoriza, situada próxima ao circuíto de karting e á piscina municipal, que conta cunha extensión de 3.000 metros cadrados e 45 prazas. A creación deste espazo foi posible grazas a un investimento de case 70.000€ que a institución provincial realizou a través do Plan Deputación, unha ferramenta coa que os municipios lucenses poden manter e mellorar a prestación de servizos á cidadanía.
Con motivo desta apertura, celebrouse durante toda a xornada do sábado unha ampla programación de actividades que comezou a primeira hora cunha ruta de sendeirismo polas Augas de Fonmiñá. O evento estivo amenizado por diferentes actuacións de música tradicional e continuará esta noite coa celebración dos tradicionais Cantos de Taberna e unha foliada na praza do Concello.
Francisco Cajoto avanzou que “é un pracer estar hoxe en Pastoriza vendo como o que un día foi un proxecto é agora unha realidade ao servizo de todos os veciños e visitantes”. O Deputado Provincial recalcou tamén que “este novo espazo contribuirá a reforzar a oferta turística non só do concello, senón tamén da comarca e do conxunto da provincia”.
Así mesmo, Cajoto lembrou que a institución provincial está “ao carón dos 67 concellos, escoitando as súas demandas e apoiando proxectos coma este, que contribúen a impulsar as súas potencialidades turísticas e económicas”. O Deputado destacou ademais que “facémolo a través de diferentes ferramentas, como o Plan Deputación, un dos principais instrumentos de cooperación municipal que impulsamos desde a institución provincial para que os concellos poidan crear novas infraestruturas e seguir mellorando os servizos que prestan á cidadanía”.