Deputación de Lugo
Turismo

As xornadas enogastroturísticas Marida Maio arrancan na Ribeira Sacra co apoio da Deputación

Xosé Marias Arias Fernández
Marida Maio
Ribeira Sacra
Monforte de Lemos
O Deputado de Asistencia e Cooperación cos Concellos participou este xoves na inauguración da terceira edición desta cita que organiza a APEHL no Centro do Viño da Ribeira Sacra este mes de maio

O Deputado de Asistencia e Cooperación cos Concellos, Xosé María Arias,  participou este xoves en Monforte de Lemos na inauguración da terceira edición das xornadas enogastroturísticas Marida Maio, organizadas pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (APEHL), coa colaboración do concello monfortino e da Deputación de Lugo. 

As xornadas desenvolveranse todos os xoves, de 19:30 ás 21:00 horas ao longo do mes de maio, no Centro do Viño da Ribeira Sacra converténdose nun espazo de encontro entre adegas, restauración e empresas turísticas da provincia, cun programa centrado na promoción do produto local e das experiencias ligadas á comarca. 
Xosé María Arias sinalou no arranque desta iniciativa que “quen veña estes días ao Centro do Viño non vai atopar só unha degustación, senón tamén unha forma de entender esta comarca”. Recordou ademais que este é un “momento moi especial” para a Ribeira Sacra “que está cada vez máis preto dese recoñecemento como Patrimonio da Humanidade, unha aspiración colectiva que fala do enorme valor desta paisaxe construída ao longo dos séculos pola man das persoas”.
“Desde a Deputación de Lugo levamos anos apostando por un turismo de experiencias, sostible e vencellado á identidade do territorio. Un turismo que non busca grandes artificios, senón ofrecer algo auténtico e iniciativas coma Marida Maio encaixan perfectamente nesa maneira de entender o turismo e tamén o desenvolvemento do territorio”. 
A Deputación de Lugo achega unha aportación económica anual de 40.000 euros á APEHL para o desenvolvemento de accións formativas e de promoción como esta e iniciativas dirixidas ao sector hostaleiro da provincia. 

Viño, gastronomía, artesanía e turismo

Marida Maio arrancou este xoves coa participación da tenda Cova de Xacio, o restaurante monfortino Manuel Bistró, a Adega Ohmio, restaurante Río cabe-Hotel Cardenal. A programación completouse con propostas vinculadas á tradición e ao patrimonio da Ribeira Sacra, coa participación dun oleiro de Gundivós e da Casa-Museo Genia Trigo.

As próximas sesións celebraranse os días 21 e 28 de maio. Na primeira delas participarán o establecemento monfortino Tributo Capitol, as adegas Adegas Cruceiro e Alouviño, a artesá Pilar Rodríguez, de En Lá, así como representantes do Museo Lodeiro e do Catamarán Río Sil.
O xoves 28 rematará a iniciativa coa participación do proxecto de turismo de caravanas Barvantia, a empresa de visitas guiadas Coureleando, o Hermida Rural e as adegas Os Cipreses e Instinto Romano. A asistencia ás xornadas é gratuíta, aínda que é preciso realizar reserva previa no teléfono 982 412 050, xa que o aforo está limitado a 30 persoas.