EQUIGAL converte Lugo no gran escaparate do mundo ecuestre co apoio da Deputación como principal patrocinadora
O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo RiveraCapón, participou este venres na inauguración dunha nova edición de EQUIGAL, que se está a celebrar no Pazo de Feiras de Lugo ata o 17 de maio e que, como novidade, incluíu unha exhibición dinámica da Garda Real. A institución provincial colabora con este evento ecuestre, clave para o sector en Galicia, cunha achega económica de 40.000€.
Rivera Capón recordou que “estamos a falar dunha cita consolidada no noso calendario que contribúe directamente á dinamización económica de Lugo e de todo o conxunto da provincia”. Avanzou tamén que a Deputación de Lugo colabora con este evento ecuestre de referencia “ano tras ano, porque impulsa o sector turístico, o comercio e os servizos. Sabémolo porque en cada edición EQUIGAL acada cifras de éxito, tanto en participación como en asistencia, chegando nalgúns casos a superar os 10.000 visitantes, o que evidencia o seu impacto e a súa capacidade de atracción”.
O Deputado Provincial aproveitou a súa intervención para convidar a todos os veciños e veciñas da provincia a achegarse a Lugo nestes días e desfrutar da ampla programación “que comeza hoxe e que continuará o sábado 9 e o domingo 10 de maio co concurso morfolóxico; do luns 11 ao xoves 14 celebraranse os bautizos ecuestres para o alumnado dos colexios; e do venres 15 ao 17 realizarase o Concurso Morfolóxico de Cabalo de Raza Galega (PRG)”.