A Deputación amplía o contrato dos desbroces ata os 2,4M€ para reforzar a limpeza das estradas
“Esta medida permitirá incorporar máis actuacións de roza, de retirada de maleza, vexetación, matogueiras e especies arbóreas nas bernas, gabias e taludes; mellorando así a seguridade viaria e a prevención”, explicou a Voceira socialista do Goberno
A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres ampliar o contrato dos desbroces ata os 2,4M€ para reforzar a limpeza das estradas. Trátase dunha modificación para 18 lotes dos 24 que conforman o contrato, o que suporá un aumento na prestación deste servizo en máis dun 75% do territorio cun investimento da institución de máis de 540.000€. Así o explicou a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, tras a reunión semanal celebrada esta mañá.
“Esta medida permitirá incorporar máis actuacións de roza, de retirada de maleza, vexetación, matogueiras e especies arbóreas nas bernas, gabias e taludes; mellorando así a seguridade viaria, a visibilidade nas estradas, o estado de conservación da rede provincial e a prevención de riscos contra os lumes”, explicou García Porto.
Sinalou a Deputada que a modificación responde a unha decisión da Presidenta para intensificar os traballos de limpeza e mellorar a seguridade nas marxes das estradas. Unha modificación que afecta unicamente ao aumento dos labores e o coste, pero mantén as mesmas condicións técnicas e de prestación dos contratos adxudicados.
García Porto avanzou que a idea é que os desbroces comecen nos vindeiros días, neste mes de maio, “anticipándonos ao mes de xuño”. E explicou que a previsión é que as empresas pasen dúas veces polas estradas, unha na primavera e outra no verán.
|
|---|