Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación activa esta semana máis de 1M€ para continuar mellorando a mobilidade en Lugo

rede viaria provincial
A Xunta de Goberno licitou as obras de mellora da LU-P-1819 en Chantada, que se renovará na súa totalidade cun investimento de preto de 280.000€; e adxudicou outros proxectos para acondicionar a LU-P-6405 no Vicedo e a rúa Filarmónica en Lugo

Carmela López destacou que “a conectividade é unha das máximas prioridades deste Goberno, porque afecta directamente á calidade de vida da veciñanza de Lugo en termos de autonomía, benestar, desenvolvemento económico e acceso a oportunidades”

Esta mañá adxudicáronse tamén os traballos para rehabilitar dúas estradas municipais en Negueira de Muñiz e quedou aprobado un novo investimento para adquirir dúas máquinas para o Parque Móbil, “que apoia aos concellos no arranxo de vías”

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo activou este venres máis de 1M€ para continuar mellorando a mobilidade. Así o informou a Presidenta provincial, Carmela López, tras a reunión semanal celebrada este mediodía no Pazo de San Marcos. “A accesibilidade territorial é unha das máximas prioridades deste Goberno, porque afecta á calidade de vida da veciñanza de Lugo en termos de autonomía, benestar, desenvolvemento económico e acceso a oportunidades”, destacou.

“Demostramos ese compromiso con feitos”, valorou a mandataria provincial, que sinalou que “unha semana máis seguimos avanzando nun modelo de conectividade máis segura, máis moderna e máis útil para toda a provincia”. Nese sentido destacou que a Xunta de Goberno sacou adiante un novo investimento para mellorar en Chantada a estrada que vai de Quizán das Peras a Mundín e rematou a contradeatación doutros catro proxectos “importantísimos” para nos concellos do Vicedo, Lugo e Negueira de Muñiz.

En Chantada, quedaron licitadas as obras da rehabilitación completa do firme LU-P-1819. A Deputación mellorará os máis de 3,7 quilómetros desta vía investindo preto de 280.000€. Os traballos consistirán na mellora da drenaxe, pavimentación con aglomerado en quente, o pintado da vía e a reposición da sinalización. Terán un prazo de execución de 4 meses desde que se inicien os traballos.
“Un arranxo que é moi demandado pola veciñanza. Porque a LU-P-1819 conecta as parroquias de Quinzán das Peras e Mundín. Dando servizo tamén a entidades de poboación importantes como Ferreiros, Nande ou Amorín”.

No Vicedo, a empresa CHOLO SL resultou adxudicataria de mellorar diferentes tramos da LU-P-6405, “unha vía moi turística no municipio que conecta co Alto de Moreiras”. A actuación servirá para renovar a drenaxe da vía, o estado do firme grazas ao aglomerado en quente e a sinalización cun investimento provincial de algo máis de 136.000€.

Ovisa Pavimentos y Obras SLU encargarase do proxecto para rehabilitar en Lugo a rúa Filarmónica, “que dá acceso a diferentes instalacións deportivas importantes para a cidade”. Carmela detallou que o ente provincial inviste preto de 100.000€ para repavimentar con aglomerado e sinalizar, ademais, está previsto o pintado na zona de aparcamento ao carón do Pazo dos Deportes e a instalación de pasos de peóns elevados. O prazo para executar estas obras é de catro meses.

Ademais, na Montaña, a empresa Cholo SL encargarase de realizar as obras de mellora de dúas estradas municipais en Negueira de Muñiz, “de vital importancia para o acceso diario de servizos básicos como o transporte escolar, as xestións administrativas ou á asistencia médica”. Concretamente, a institución provincial acondicionará a vía que une Carballín e Bustelo cun investimento de 200.000€ e a que conecta Negueira e Seira, con 140.000€. En ambos casos as obras consistirán na mellora da drenaxe e do firme con aglomerado e terán un prazo de execución de dous meses cada unha.

  
Maquinaria para o Parque Móbil

Licitada a contratación de dúas máquinas para o Parque Móbil, “que nos permiten renovar parque do equipamento deste servizo”. Dunha banda, a subministración dunha mini pala cargadora por algo máis de 70.000€ e doutra, unha mini compactadora tandem por máis de 90.000€. O prazo de entrega, nos dous casos, é de 30 días desde a formalización do contrato.