Deputación de Lugo

A Deputación propón na Xunta a busca de solucións para as emerxencias na provincia de Lugo

GES
A Presidenta da institución provincial mantivo este luns un encontro en San Caetano co Director Xeral de Emerxencias para pedir un reforzo no sistema de prevención e extinción, garantindo unha resposta rápida e eficaz en todo o territorio, especialmente nas zonas rurais e de montaña

A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, mantivo hoxe unha reunión de traballo en materia de emerxencias coa Xunta de Galicia, onde trasladou a súa preocupación por reforzar o sistema de prevención e extinciónna provincia de Lugo, especialmente nas zonas máis vulnerables do territorio.

Este encontro enmárcase na folla de ruta acordada tras a reunión mantida hai menos dun mes co Presidente Autonómico, Alfonso Rueda Valenzuela, e constitúe a segunda xuntanza cos grupos de traballo técnicos, avanzando así no cumprimento dos compromisos adquiridos entre ambas administracións.

Na reunión participaron tamén a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, así como a xerente e o secretario do Consorcio Provincial de Lugo para a Prestación do Servizo Contra Incendios e Salvamento, e o director xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva, entre outros responsables. 

Garantir tempos de resposta eficaces

No que respecta ao tempo de resposta, Carmela López explicou que na provincia de Lugo existen zonas de sombra en tempo de resposta, con especial vulnerabilidade demográfica, cunha poboación moi envellecida, elevada dispersión territorial e unha gran porcentaxe de núcleos de pequeno tamaño, factores que incrementan o risco ante incendios domésticos, accidentes ou outras situacións de emerxencia. Neste escenario, “resulta fundamental traballar coordinados para ter unha cobertura do 100% no territorio ante calquera incidencia, por iso a importancia desta reunión ”. 

Un modelo máis estable e eficiente para os GES

En paralelo, a Presidenta trasladou á Xunta a necesidade de abordar unha solución integral para os Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), fundamentais para garantir a cobertura en zonas rurais e complementar o labor dos parques de bombeiros.

A desaparición ou inactividade de varios destes grupos en concellos como A Fonsagrada, Guitiriz, Becerreá ou Cervo provocou unha situación de inestabilidade e incerteza no territorio. Ante esta realidade, Carmela López incidiu na importancia de traballar de maneira conxunta entre administracións para dar unha resposta estable e eficaz.

Con este encontro, a Deputación reafirma o seu compromiso cun modelo de emerxencias máis equilibrado, eficiente e adaptado á realidade territorial da provincia, garantindo unha resposta rápida e eficaz en todo o territorio, especialmente nas zonas rurais e de montaña.

Traslado ao Pleno da Deputación

A Presidenta anunciou ademais que esta cuestión de busca de traballo conxunto Deputación-Xunta de Galicia será elevada ao Pleno da Deputación correspondente a este mes de abril, co obxectivo de reforzar o respaldo institucional a estas propostas e seguir avanzando na súa materialización.