Carmela López reivindica o liderado das mulleres nas Xornadas Feministas=Igualdade da Deputación
Carmela López relatou a súa experiencia como mandataria provincial, e como como desde que asumiu o cargo tivo que afrontar que cuestionaran a súa profesionalidade, descualificacións e comentarios que a reducían a ideas preconcebidas
A Presidenta da Deputación, Carmela López, reivindicou o liderado das mulleres na inauguración das III Xornadas Feministas=Igualdade, organizadas pola institución provincial. Ante o numeroso público que encheu este venres o Salón de Actos do Pazo de San Marcos, a mandataria provincial puxo como exemplo a súa propia experiencia, relatando como desde que asumiu o cargo tivo que afrontar que cuestionaran a súa profesionalidade, descualificacións e comentarios que a reducían a ideas preconcibidas.
“Non son cuestións menores, son sinais de que aínda quedan moitos estereotipos por romper e moitas inercias por cambiar”, sinalou a Presidenta, que puxo de relevancia a importancia destas iniciativas para “construír” a igualdade no día a día. Engadiu que nese sentido a institución provincial propón estes espazos, dirixidos á comunidade educativa, para “debater, aprender e cuestionar ideas que durante moito tempo se deron por válidas” con mulleres referentes na ciencia, na psicoloxía ou na comunicación.
Carmela López rematou cunha mensaxe dirixida á mocidade e cun compromiso institucional. “O futuro é voso, pero non pode ser un futuro con menos igualdade que no presente. Non podemos permitirnos dar pasos atrás”, dixo apelando ao alumnado máis novo. E concluíu sinalando que “imos seguir comprometidas con ese avance, impulsando iniciativas como esta, que buscan non só informar, senón tamén transformar”.
Tras a inauguración da Presidenta, deu comezo a xornada conducida pola actriz e presentadora lucense Beatriz Serén, que guiou ao alumnado do Galén, Ánxel Fole e o Politécnico a través das diferentes experiencias das relatoras.
Comezou unha referente internacional no ámbito da filosofía da ciencia e os estudos de xénero, Eulalia Pérez Sedeño, que compartiu coa rapazada a súa experiencia como investigadora do CSIC, poñendo sobre a mesa as desigualdades que afectan ás mulleres no sistema científico e situando estes desafíos na axenda política. Tamén aproveitou este espazo para desmontar, ante un público entregado, prexuízos e as falsas crenzas científicas sobre as mulleres.
Laura Redondo subiu ao escenario a continuación para, baixo o título Mitos e lendas da igualdade: unha análise desde a psicoloxía, para falar á mocidade sobre a repercusión das desigualdades no benestar emocional. Fíxoo desde a súa perspectiva como doutora en Psicoloxía, que combina na súa traxectoria a práctica clínica coa divulgación e a formación.
Deulle relevo Almudena Cueto, cunha ampla experiencia profesional vencellada ao dereito, a política e a consultaría; fixo reflexionar ao público sobre a Intelixencia Artificial. Partindo da idea de que a tecnoloxía non é neutral, abordou como o deseño dos algoritmos poden reproducir clichés de xénero, invisibilizar ás mulleres ou xerar resultados discriminatorios.
O último relatorio foi o de Cristina Pérez e Seila Couso-Pérez, con experiencias diferentes en torno a educación e as ciencias biolóxicas, explicaron como o Efecto Matilda ten borrado ou reducido o recoñecemento das mulleres na produción do coñecemento científico.
Antes de pechar a cita, a monologista e humorista Esther Gimeno, que cunha mirada crítica e contemporánea fixo rir aos asistentes abordando cuestións como as relacións, os roles de xénero ou cuestións cotiás desde unha perspectiva irónica e reflexiva.
E finalmente, a Deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira, despediu o acto sinalando que “a igualdade non é algo acabado, senón un camiño no que temos que seguir avanzando con compromiso e responsabilidade”. E sumouse á Presidenta no compromiso da institución para desenvolver este tipo de accións “que contribúan a construír unha sociedade máis xusta, máis igualitaria e máis consciente”.