A Deputación destaca na inauguración da MOEXMU o papel do sector primario como motor de futuro para o rural
O Deputado de Medio Ambiente, Carlos López López, participou este venres na inauguración da 42ª edición da Mostra Exposición de Muimenta (MOEXMU), que se celebrará ata o domingo no recinto feiral Manuel Vila López, no concello de Cospeito.
Na súa intervención, Carlos López puxo en valor o papel desta cita como un espazo de referencia para o sector primario e como exemplo do dinamismo do rural lucense. “A MOEXMU converteuse co paso dos anos nun reflexo moi fiel do que é o noso rural, onde se ve o traballo ben feito, o coidado polo detalle e o esforzo de tantas explotacións que sosteñen un sector esencial para a nosa provincia”, sinalou.
Destacou o Deputado que esta feira representa un punto de encontro no que “tradición e innovación non compiten, senón que se complementan”, permitindo amosar o nivel do sector agrogandeiro e a súa capacidade de adaptación aos novos retos. Incidiu tamén na importancia do relevo xeracional, e agradeceu o labor da organización ao longo dos seus máis de 40 anos de historia.
López lembrou que a institución provincial colabora anualmente coa MOEXMU cunha achega de 8.000 euros, reafirmando así o seu compromiso co impulso de iniciativas que contribúen a fortalecer e dar visibilidade ao sector. “Temos moi presente o valor do que aquí se representa, porque apoiar o sector primario non é só apoiar unha actividade económica fundamental, senón tamén contribuír a fixar poboación, a equilibrar o territorio e a manter viva a nosa provincia”, concluíu.
A programación da feira inclúe o concurso de gando frisón, o concurso autonómico de gando, a exposición da raza Rubia Galega e a poxa de gando selecto, ademais dos tradicionais expositores de maquinaria agrícola, artesanía e automóviles.
