Deputación de Lugo

A Presidenta reforza o vínculo histórico de máis de 70 anos entre Lugo e a Armada de Ferrol

carmela lópez
Pilar García Porto
Semana Santa
Lugo
Carmela López participou na recepción ás Forzas Armadas xunto ao Alcalde, a Subdelegada do Goberno e representantes da confraría da Virxe da Esperanza no consistorio lucense

A mandataria provincial subliñou que a presenza da Armada “tende pontes entre o mar e o interior da provincia e simboliza valores como o esforzo, o compañeirismo e o forte sentido de comunidade ligado á cultura mariñeira”

A Presidenta de Lugo, Carmela López, participou este luns nun encontro coa Armada de Ferrol organizado pola Deputación de Lugo e a Confraría da Virxe da Esperanza dentro dos actos celebrados este Luns Santo en conmemoración da Semana Santa de Lugo, declarada de Interese Turístico Galego e coa que colabora a institución provincial. 

A xornada comezou no Concello de Lugo, onde a Presidenta estivo acompañada polo Alcalde da cidade, Miguel Fernández, pola Subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, e por representantes da Confraría da Virxe da Esperanza e outras autoridades que recibiron ás Forzas Armadas. Durante o acto, a Presidenta acompañou ás tropas que pasaron revista e desfilaron ante numeroso público. O acto estivo presidido polo Almirante Xefe do Arsenal de Ferrol, Vicente Rubio Bolívar.

Carmela López subliñou a importancia desta tradición que reforza un vínculo histórico de máis de 70 anos entre Lugo e a Armada de Ferrol, e destacou que estes lazos son un exemplo de unión e identidade colectiva. Incidiu que a presenza da Armada na Semana Santa de Lugo “é unha maneira de tender pontes dentro da nosa provincia, e unha forma de conectar ese espírito do mar co interior”, e esta unión simboliza valores “como o esforzo, o compañeirismo, o respecto e un forte sentido de comunidade ligado á cultura mariñeira”, subliñou López.  

Así mesmo, agradeceu tamén á Confraría da Virxe da Esperanza por manter viva esta tradición, así como ás veciñas e veciños de Lugo “que saben manter vivas as súa tradicións e facelas propias”. 

Procesión da Virxe da Esperanza

Os actos rematarán esta tarde, ás 20:30 horas, coa saída da procesión da Virxe da Esperanza desde a Igrexa Nova polas rúas do centro histórico de Lugo. A Presidenta, acompañada pola Deputada de Réxime Interior e Promoción do Territorio, Pilar García Porto, acompañará á comitiva dun dos pasos máis emblemáticos da Semana Santa lucense, “un dos sinais de identidade desta cita na capital lucense, escoltado tradicionalmente pola Armada de Ferrol desde mediados do século XX”.

A presenza militar nesta procesión ten a súa orixe na década de 1950, cando o entón Ministerio da Mariña recoñeceu á Armada como Irmán Maior Honorario da Confraría, en lembranza da histórica participación do Tercio Norte na defensa de Lugo na Guerra da Independencia en 1809, vencendo ás tropas napoleónicas no sitio das Gándaras.


Apoio para impulsar a Semana Santa de Lugo

A Deputación de Lugo achega 12.000 euros á Xunta de Confrarías para apoiar a celebración desta cita relixiosa e cultural de gran tradición na capital lucense, contribuíndo á súa posta en valor como evento declarado de Interese Turístico de Galicia e co obxectivo de impulsar tamén o seu recoñecemento a nivel nacional.


A programación da Semana Santa de Lugo 2026 continuará o Martes Santo co Bo Xesús e o Nazareno, o Mércores Santo co Santo Cristo do Perdón e Nosa Señora da Piedade, e o Xoves Santo coa procesión da Santa Cea. O Venres Santo percorrerán a cidade a Paixón do Señor, o Desencravo, o Santo Enterro e a Virxe da Sociedade (As Caladiñas). O Sábado Santo terá lugar a procesión da Virxe da Piedade, do Santo Rosario e o Vía Crucis, rematando coa solemne Vixilia Pascual, mentres que o Domingo de Pascua celebrarase o Santo Encontro, a Misa Pontifical de Resurrección e a procesión do Cristo Resucitado ao remate da misa.