Mañá abre o prazo de inscrición para as novas actividades nas Reservas da Biosfera que xestiona a Deputación
A Deputación de Lugo abre mañá venres, día 27 de marzo a partir das 8 da mañá, o prazo para que todas as persoas interesadas poidan inscribirse na nova programación de actividades gratuítas e de lecer que organiza a institución provincial para este segundo trimestre do ano. O calendario inclúe 19 propostas que tratan de fomentar o lecer saudable e a educación ambiental nas Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, xestionadas pola propia Deputación. A programación estenderase dende o 1 de abril ata o 3 de xullo e inclúe máis de 187 prazas para toda a veciñanza.
Actividades na Reserva Terras do Miño
As actividades na Reserva Terras do Miño iniciaranse do 6 ao 10 de abril cun obradoiro de Plantas de Tintóreas, en horario de mañá e tarde, de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas. Hai un total de 15 prazas para adultos.
Do 13 ao 16 de abril terá lugar o obradoiro Horteleando con Nuska, para adultos, en horario de 10:00 a 14:00 horas, con 20 prazas dispoñibles. Do 20 ao 24 de abril celebrarase o obradoiro Xoiaría Botánica con Flores Reais, de 10:00 a 14:00 horas, con 15 prazas para adultos. Do 7 de abril ao 30 de xuño, todos os martes polas tardes, desenvolverase a actividade Ioga na Natureza, en horario de 17:30 a 18:30 horas.
No mes de maio, do 4 ao 8, organízase un obradoiro de Creación dunha Lámpada para adultos, de 10:00 a 14:00 horas, con 12 prazas. Do 25 ao 29 de maio celebrarase o obradoiro Biodiversidade na Zona Periurbana, tamén para adultos, de 16:00 a 20:00 horas, con 15 prazas.
En xuño, a programación arranca coa celebración do Día do Medio Ambiente, baixo o slogan Plásticos 0, que se organizará nos xardíns do Pazo de San Marcos. Haberá talleres para nenos e nenas de 6 a 9 anos e de 10 a 12 anos, en dúas quendas pola tarde (17:00 a 18:30 horas e 18:30 a 20:00 horas), con 15 prazas por quenda. Do 8 ao 12 de xuño terá lugar un obradoiro de Encadernación, de 16:00 a 19:30 horas, con 7 prazas. Do 15 ao 19 de xuño celebrarase o obradoiro Natureza na Porta da Casa, de 10:00 a 14:00 horas, con 15 prazas, e tamén as Xornadas de Baño de Bosques, de 16:00 a 18:00 horas, con 15 prazas. Do 22 ao 26 de xuño desenvolverase o obradoiro Creando un Minixardín para nenos e nenas de 6 a 12 anos, de 10:00 a 14:00 horas, con 15 prazas.
Por último, os días 29 e 30 de xuño e do 1 ao 3 de xullo terá lugar a actividade Naturalistas na Reserva, para rapaces, de 10:00 a 14:00 horas, con 15 prazas.
Todas as actividades celebraranse no Centro de Interpretación de Terras do Miño, agás os talleres organizados con motivo do Día do Medio Ambiente, que se realizarán no Pazo de San Marcos. Ademais, do 5 ao 12 de xuño, a sede provincial acollerá unha exposición cos traballos realizados durante as distintas actividades desenvolvidas en Terras do Miño.
Actividades na Reserva Os Ancares Lucenses
As actividades na Reserva da Biosfera Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá darán comezo os días 30 e 31 de marzo en Navia de Suarna cun obradoiro musical en horario de tarde, de 16:00 a 20:00 horas, destinado a rapaces e rapazas de 4 a 12 anos. O obradoiro contará con 15 prazas e desenvolverase na Escola de Barcia.
Tamén en Navia de Suarna, para nenos e nenas de 6 a 12 anos, organizarase un obradoiro científico os días 22, 23, 25 e 26 de xuño, en horario de mañá, de 10:00 a 14:00 horas.
En Becerreá, os días 10 e 17 de abril terá lugar un obradoiro de cestería para adultos, con 15 prazas dispoñibles, en horario de 16:00 a 20:00 horas. Ademais, nos días 22, 23, 25, 26, 29 e 30 de xuño impartirase un obradoiro infantil de biodiversidade, tamén con 15 prazas, en horario de mañá, de 10:00 a 14:00 horas. Ambas actividades desenvolveranse no Centro Social de Becerreá.
Finalmente, en Cervantes, o 30 de maio celebrarase a conferencia Piornedo, un núcleo da alta montaña de Ancares: Sociedade, Arquitectura e Economía. A actividade contará con 20 prazas dispoñibles e desenvolverase en horario de mañá, de 12:00 a 14:00 horas, no Local Social de Piornedo. Así mesmo, tamén no municipio cervantego, os días 20 e 21 de xuño terá lugar un obradoiro de Terapia Corporal Emocional. A actividade desenvolverase o día 20 en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas, mentres que o día 21 se impartirá unicamente en horario de mañá. O obradoiro contará con 15 prazas e celebrarase no conxunto etnográfico das Pallozas de San Román.
Como inscribirse
As persoas interesadas deberán anotarse a través das canles dispoñibles. No caso de Terras do Miño, poden apuntarse a través do teléfono 982.305.930 e 982.227.812, o correo electrónico und.medioambiente@deputacionlugo.org e no espazo na web: http://inscricions.deputacionlugo.org/gl/tema/actividades-medioambientais. As persoas que desexen participar no programa dos Ancares Lucenses, poden anotarse a través do correo ancareslucenses@deputacionlugo.orge dos teléfonos 982.227.813.