Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación inicia as obras de mellora do firme en varios tramos de tres vías da Ribeira Sacra

REDE DE ESTRADAS PROVINCIAIS
Ribeira Sacra
Trátanse das estradas LU-P-4102, Ferreira a Currelos; na LU-P-3202, de Monforte a Currelos; e na LU-P-3208, de Seoane a Pol pasando por Cinsa, cun orzamento de 118.000€ e un prazo de execución de preto de tres meses

A Deputación de Lugo vén de iniciar as obras de mellora do firme en diferentes tramos de tres vías ao seu paso polos concellos do Saviñao, Pantón e Monforte de Lemos. Unhas obras nas que a institución provincial inviste 118.000€ e que está a executar a empresa FEVISA Vía e Obras SL. O proxecto abrangue actuacións de mellora do firme e da sinalización horizontal nas estradas LU-P-4102, LU-P-3202 e LU-P-3208, tres vías de relevancia para a mobilidade da zona sur da provincia e para a conexión entre parroquias e núcleos de poboación da Ribeira Sacra.

No caso da LU-P-4102, que comunica Ferreira con Currelos e enlaza a N-120 coa LU-611 á altura de Escairón, a Deputación actúa na mellora de preto dun quilómetro de firme a partir do punto quilométrico 12. Ademais, nesta mesma vía, pertencente ao Concello do Saviñao, procederase á reposición das marcas viarias entre os puntos quilométricos 6,165 e 11,020, desde o límite intermunicipal ata a zona da Páxara, no cruzamento co corredor.

O proxecto contempla tamén a rehabilitación por tramos da LU-P-3202, estrada que conecta os concellos de Monforte de Lemos e O Saviñao polo lugar de Currelos, na parroquia de Vilaesteva. Nos últimos seis anos, a Deputación leva investidos preto de 732.000€ na renovación integral desta infraestrutura, considerada fundamental para as comunicacións da zona sur da provincia. As actuacións complétanse coa mellora da LU-P-3208, que une Seoane con Pol pasando por Cinsa, reforzando unha vía de uso habitual pola veciñanza da contorna.