Deputación de Lugo

A Deputación completa a ocupación dos hortos urbanos do Río Rato coa entrega de 50 parcelas

hortos urbanos
Carlos López
O Deputado de Medio Ambiente e o Concelleiro de Migracións de Lugo mantiveron un encontro este martes coas persoas beneficiarias que utilizarán estas parcelas de maneira gratuíta por un período máximo de catro anos

Carlos López recordou que “tras esta adxudicación, as 155 parcelas públicas do programa quedan a pleno rendemento, consolidando así unha iniciativa coa que promovemos a agricultura ecolóxica e os hábitos de vida saudables”

O Deputado de Medio Ambiente, Carlos López López, e o Concelleiro de Movementos Migratorios de Lugo, Waldir Sinistierra, entregaron este martes 50 hortos urbanos que a institución provincial ten no Paseo do Río Rato. Deste total, 12 autorizacións foron para antigos usuarios e usuarios que se lles esgotaba a concesión e as 38 restantes asignáronse a novos beneficiarios e beneficiarias, que poderán utilizar estes espazos por un período máximo de catro anos. Ademais, as autoridades concedéronlles a documentación correspondente e un lote de benvida con plantas de horta.

Tras este acto “as 155 parcelas públicas do programa quedan a pleno rendemento, consolidando así unha iniciativa coa que promovemos a agricultura ecolóxica, os hábitos de vida saudables e o lecer ambiental entre os veciños e veciñas de Lugo e dos concellos da contorna”. Avanzou Carlos López no encontro que mantivo esta tarde coas persoas adxudicatarias. 

O Deputado de Medio Ambiente destacou tamén que “esta iniciativa, que poñemos en marcha desde a institución provincial, persegue varios obxectivos, porque con ela tamén buscamos fomentar a implicación da veciñanza no coidado da contorna que nos rodea, promovemos o consumo responsable e reforzamos a conexión das persoas co medio natural”. Nesta liña, López fixo especial fincapé en que “son unha ferramenta de inclusión social moi importante, porque reforza o tecido comunitario coa participación de diversos colectivos”.

Na súa intervención agradeceu a todos os novos usuarios que “decidiron formar parte desta iniciativa gratuíta” e recordou que “ademais de ceder estas parcelas de 30 metros cadrados tamén lles ofrecemos un servizo de formación en horticultura ecolóxica, cuestións relacionadas co terreo, recursos, materiais e maquinaria de forma gratuíta”. Rematou sinalando que “o proxecto forma parte da ampla acción que impulsamos para fomentar o coñecemento e a posta en valor do territorio, en concreto das Reservas da Biosfera, das que a nosa provincia é o máximo expoñente en Galicia, como fórmula para favorecer o desenvolvemento sostible a través de iniciativas que aproveiten a nosa riqueza natural, tanto no eido do sector primario, como do turístico”.