Carmela López anuncia en Ribas de Sil o arranxo da estrada que conecta o val de Quiroga con Ourense
Aproveitaron tamén a visita para supervisar o funcionamento do xeocamping, que leva meses aberto cunha capacidade de 100 prazas distribuídas en 8 bungalós, e no que a institución provincial investiu 150.000€ a través do Plan Deputación
A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, vén de anunciar en Ribas de Sil o arranxo da estrada provincial que conecta o val de Quiroga con Ourense, a LU-P-5301. Acompañada polo Alcalde do municipio, Roberto Castro; o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón; e concelleiros e concelleiras da corporación local; a mandataria provincial percorreu os últimos tres quilómetros desta vía que é clave para vertebrar o concello porque comunica o núcleo urbano de San Clodio cos distintos miradoiros de montaña ata Alto da Cruz.
“Esta é unha estrada fundamental para a contorna porque comunica as dúas provincias e porque ten unha relevancia turística moi importante, nun territorio de alto valor xeolóxico, natural e cultural como é o Xeoparque Montañas do Courel”, declarou López. Explicou que o tramo que se vai rehabilitar desta vía é o último, na conexión con Ourense, unha zona de montaña que sofre un tráfico intenso e cambios bruscos de temperatura. Recentemente a institución provincial mellorara parte do firme, entre os quilómetros 3,1 e 6,2, polo que con este novo proxecto, que está en fase de estudo, a estrada quedaría mellorada en practicamente todo o seu trazado.
Carmela López aproveitou tamén a visita supervisar o funcionamento do xeocamping, que leva meses aberto cunha capacidade de 100 prazas distribuídas en 8 bungalós, e no que a institución provincial investiu 150.000€ a través do Plan Deputación en diferentes anualidades. O complexo conta tamén co CIMAR, o Centro de Interpretación da Minería Aurífera Romana, integrado no Xeoparque e con tres salas expositivas interconectadas sobre as diferentes explotacións de ouro no territorio e as técnicas mineiras empregadas polos romanos.