Deputación de Lugo

A Deputación participa na celebración polo Día da Árbore impulsando unha nova plantación de especies autóctonas na reserva Terras do Miño

DÍA DA ÁRBORE
Carlos López
O Deputado de Medio Ambiente destacou o compromiso coa conservación do territorio da institución, que colaborou na xornada de hoxe facilitando o terreo, achegando unha vintena de acivros e outras 250 especies autóctonas para repartir entre os asistentes

Organizada pola Federación de Asociacións de Veciños, a cita coa que colaborou tamén o Concello de Lugo tivo lugar esta mañá no Paseo do Rato á altura do Centro de Cestería, propiedade da Deputación, e contou coa participación de varios centos de persoas

 

O Deputado de Medio Ambiente, Carlos López López, participou este sábado nun acto organizado pola Federación de Veciños de Lugo con motivo da celebración do Día da Árbore. Destacou o responsable provincial o compromiso coa conservación do territorio da Deputación, que impulsou neste caso a plantación de especies autóctonas na reserva da biosfera Terras do Miño. Detallou o Deputado que a institución provincial colaborou na xornada de hoxe facilitando o terreo, achegando unha vintena de acivros e outras 250 especies autóctonas para repartir entre os asistentes.

López felicitou á Federación Veciñal “por organizar un ano máis este acto e polo seu constante compromiso co medio ambiente, un compromiso que compartimos na Deputación porque somos conscientes da importancia de coidade a diversidade e de preservar a nosa riqueza natural”. Puxo en valor as accións que desenvolve a institución provincial “coas que impulsamos políticas de xestión sostible, favorecemos o uso responsable dos nosos recursos naturais e sensibilizamos á veciñanza da provincia sobre a importancia do seu coidado”.

Puxo como exemplo desa estratexia que impulsa a institución provincial o programa de hortos urbanos; as actividades de lecer gratuítas sobre educación ambiental; ou a posta en valor das Reservas da Biosfera.

A xornada tivo lugar no Paseo do Rato á altura do Centro de Cestería, propiedade da Deputación, e contou coa presencia de varios centos de veciños e veciñas. Participaron tamén na cita, coa que colaborou tamén o Concello de Lugo, o Alcalde da capital lucense, Miguel Fernández, a Subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López Rodríguez; e o Presidente da Federación de Asociacións de Veciños de Lugo, Jesús Vázquez.