A veciñanza de Ligonde, en Monterroso, iníciase na cestería co programa Mans Artesás da Vicepresidencia da Deputación
O vicepresidente Efrén Castro achegouse esta tarde a Ligonde, en Monterroso, onde se está a desenvolver un curso de cestería co programa Mans Artesás, promovido pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
Unha decena de persoas asisten á actividade, impartida pola cesteira María Folgueira, que as guía na elaboración de diferentes pezas con técnicas de cestería tradicional.
Efrén Castro destacou que o programa Mans Artesás tivo "unha acollida extraordinaria por parte de asociacións de toda a provincia que incorporan estas actividades formativas ás súas programacións" e puxo en valor "os momentos de aprendizaxe e de convivencia que se dan arredor dos cursos, nos que vemos que hai unha participación moi activa"
O programa Mans Artesás amplía o apoio que se ofrece desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo á artesania, un sector que conserva, difunde e actualiza coñecementos e técnicas que forman parte do noso patrimonio inmaterial e que desenvolve unha actividade económica sostible, ligada ao territorio e ao consumo responsable.