Deputación de Lugo

A Deputación alerta de que o Anteproxecto de Lei de Administración Local de Galicia debilita a concellos e deputacións en lugar de reforzalos

Carmela Lopez
Lei Local de Galicia
A Presidenta da institución provincial subliña que “unha deputación ou un concello que debe facer máis cos mesmos recursos, que non pode organizarse como considere máis eficiente e que debe suxeitar as súas decisións a criterios autonómicos indeterminados, non son entidades locais reforzadas senón debilitadas”

A institución provincial presentou un escrito de 25 páxinas e máis de 20 alegacións que “desmonta a premisa central do anteproxecto: di fortalecer o municipalismo, pero na práctica carga aos concellos con máis obrigas sen darlles nin un só céntimo máis”

A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, vén de rexistrar un documento de alegacións contra o Anteproxecto de Lei de Administración Local de Galicia, a norma coa que a Xunta pretende redeseñar o funcionamento de concellos e deputacións. A institución provincial considera que o escrito, de 25 páxinas e máis de 20 alegacións, “desmonta a premisa central do anteproxecto: di fortalecer o municipalismo, pero na práctica carga aos concellos con máis obrigas sen máis recursos, recorta a súa capacidade de decisión e sométeos ao control da Xunta”.


Carmela López subliña que “unha deputación ou un concello que debe facer máis cos mesmos recursos, que non pode organizarse como considere máis eficiente e que debe suxeitar as súas decisións a criterios autonómicos indeterminados, non son entidades locais reforzadas senón debilitadas”. Recoñece que “Galicia necesita con urxencia unha nova lei local, pero insiste en que o camiño non pode ser este e pide un diálogo real coas entidades locais”.


A Deputación denuncia que a Xunta obviou trámites legais obrigatorios na elaboración da norma. Advirte de que non houbo consulta pública previa nin se facilitaron as memorias económicas que xustifiquen o custo das novas competencias que se lles queren atribuír aos municipios. Sen eses datos, “opinar con fundamento resulta imposible, ademais desaparecen do texto figuras tan propias de Galicia como as parroquias e as comarcas, recoñecidas no Estatuto de Autonomía, que nin sequera se menciona no articulado”.


O que máis alarma á institución provincial lucense é o que afecta directamente aos 313 concellos galegos. “A relación de competencias municipais está redactada de forma confusa, sen distinguir o obrigatorio do voluntario, e con omisións tan graves como os servizos sociais”, sinala. A Deputación pide ademais que se suprima o artigo 15, que permite aos concellos delegar as súas competencias nas deputacións, porque “os municipios máis pequenos e peor financiados poderían acabar baleiros de funcións e reducidos a pouco máis que un nome no mapa”.

Reto demográfico

Outro dos aspectos nos que a Deputación de Lugo pon o foco é no tratamento dos municipios en situación de reto demográfico, pois “merece un xuízo especialmente contundente”. Tras a análise realizada do texto, dedúcese que o criterios do anteproxecto son tan restritivos que deixarían fóra máis da metade dos concellos galegos de menos de 5.000 habitantes, moitos deles en vulnerabilidade poboacional. 

A Deputación compara o modelo co da lei catalá de municipios rurais, moito máis xenerosa malia que Cataluña ten un problema demográfico menos agravado que Galicia. “As medidas de apoio previstas non pasan de declaracións de intencións, sen compromisos concretos nin dotacións orzamentarias”, indica sobre este asunto. E cualifica de “papel mollado a referencia ao Pacto Local de 2006, que vinte anos despois segue sen cumprirse”. Ademais, a Deputación tamén rexeita as fusións obrigatorias de municipios e pide que, como mínimo, se esixa un referendo.


Respecto das propias deputacións, o documento denuncia que o anteproxecto lles impón novas obrigas —como a asistencia a todos os concellos ou a defensa xurídica de todos os municipios de menos de 5.000 habitantes— sen prever “nin un euro novo” para financialas. “Atribuír competencias sen dotación económica equivale a baleirar a autonomía local, algo que recoñece o propio Tribunal Constitucional.

Máis obrigas, menos recursos

A Deputación critica tamén que se impoñan obrigas en materia de intelixencia artificial a concellos que non dispoñen nin de medios nin de persoal, que se obrigue a remitir todos os acordos adaptados nos órganos das entidades locais á Xunta “como forma de control encuberto”, e que o texto non regule en ningún lugar materias tan básicas como os bens, o patrimonio ou a contratación local, cando todas as demais comunidades autónomas xa o recollen nas súas leis.


En materia de financiamento, a Deputación denuncia a incoherencia de declarar o Fondo de Cooperación Local como “incondicionado” e ao mesmo tempo crear subfondos que obrigan os concellos a executar políticas de competencia autonómica para recibiren os recursos. Pola súa banda, a institución provincial propón fixar por lei unha porcentaxe mínima nos ingresos da Xunta para blindar o Fondo e reclama partidas específicas para cubrir gastos que os concellos asumen sen que lles corresponda, como o mantemento de centros de saúde ou colexios, que son de competencia autonómica.