Deputación de Lugo

A Deputación colabora cos Campionatos de Baristas de Foz que arrancan hoxe coa cata de café

Baristas
O alumnado de 2º de Realización do Centro de Formación de Audiovisuais realizará a emisión en directo das tres xornadas a través da súa canle de Youtube e a institución provincial realizará ademais unha achega económica de 3.000€

A Deputación de Lugo colabora un ano máis cos Campionatos Internacionais de Baristas de Foz que arrancan hoxe coa cata de café. Por unha banda, o alumnado de 2º de Realización do Centro de Formación de Audiovisuais realizará a emisión en directo das tres xornadas a través da súa canle de Youtube e, por outra, a institución provincial achegará ao IES de Foz unha aportación económica de 3.000€.

A emisión en directo das xornadas dos Campionatos é unha das prácticas profesionais, en escenarios reais, que se inclúen na formación do estudantado da escola da Deputación. Unha ducia de alumnos e alumnas terá a oportunidade de practicar nas diferentes funcións dun equipo técnico, entre outras: realizador, operador de cámara, editor de vídeo e de audio.

Este mércores, a transmisión en vivo comezará ás 19:00 horas coa triangulación do Campionato de Cata de Cafés, que será a primeira proba desta edición. Trátase dun exercicio técnico de degustación no que se mide a capacidade sensorial de cada participante para distinguir cafés similares. A xornada de hoxe poderase seguir a través do enlace https://www.youtube.com/watch?v=vfMGFXWicw8.

Mañá, a cita continuará co campionato de Escolas de Hostalería, que se desenvolverá durante todo o día e a programación concluirá o venres, 27 de febreiro ás 13:00 horas, coa entrega de trofeos e a clausura do certame.