A Vicepresidencia ofrece o seu apoio para homenaxear a Hernán Naval no 25 aniversario do seu falecemento
A Vicepresidencia da Deputación apoia a iniciativa das asociacións Francisco Lanza de Ribadeo e Colectivo Pensamento e Sementeira de Viveiro para lembrar a Hernán Naval polo 25 aniversario do seu falecemento.
O deputado de Mocidade Daniel García e a deputada de Cultura Iria Castro mantiveron un encontro con Farruco Graña e Xiana Naval, das directivas destas asociacións, no que ofreceron o apoio da institución provincial para as actividades que preparan de cara ao aniversario nas dúas localidades.
Na xuntanza, propúxose tamén programar unha iniciativa conxunta que visibilice o legado de Hernán Naval en toda a comarca, desde Viveiro a súa cidade natal, onde foi profesor do Conservatorio ou presidente de Sementeira, ata Ribadeo, onde dirixiu a Banda Sinfónica Municipal de Ribadeo e promoveu a Escola Municipal de Música de Ribadeo, un dos primeiros centros destas características en Galiza.
Daniel García valorou “a iniciativa das asociacións para lembrar a figura de Hernán Naval, un referente para as agrupacions culturais e as institucións que valoramos a capacidade de transformación social da cultura”.
O deputado mariñao sinalou que “a súa contribución vai máis aló da interpretación e composición, Hernán Naval abriu e democratizou a formación musical, rompendo as barreiras que impedían o acceso a estas ensinanzas e poñendo en práctica os valores e as ideas que defendeu tamén no ámbito pedagóxico, social e político”
O responsabel provincial sinalou que “a súa figura conta cun recoñecemento unánime en toda A Mariña, espcialmente por parte das persoas que foron alumnas e alumnos ou participaron das numerosas iniciativas que impulsou, polo que acordamos coas asociacións promotoras da homenaxe incorporar ás actividades un acto que simbolice a súa relevancia para a comarca”
A Vicepresidencia da Deputación manterá nas vindeiras semanas o contacto coas dúas entidades para seguir avanzando na axenda de actividades para este ano de homenaxe e na publicación dun volume que recompile artigos e outros materiais escritos sobre as temáticas que abordou na súas facetas de docente, conferenciante, articulista, activista cultural ou político.