Avanzan os traballos de instalación do cableado do videomarcador do Pazo
A empresa Mondo Ibérica traballa esta semana na instalación do cableado do videomarcador do Pazo, a primeira fase para a posta en marcha deste novo equipamento audiovisual que actualizará e modernizará o recinto deportivo.
Operarios da empresa avanzan desde o luns na instalación de canaletas e soportes para aloxar e conectar o cableado electrónico, informático e de comunicacións necesario para o funcionamento do videomarcador.
Tal e como se acordou con Ensino e CB Breogán, os traballos executarase en diferentes fases para afectar no mínimo á actividade dos equipos. A instalación das pantallas e o izado realizaranse os días 12, 13 e 14 de marzo. As semanas seguintes dedicaranse a implementar o software e facer as probas necesarias de cara a estrea do videomarcador, prevista para a fin de semana do 28 de marzo.
O videomarcador está formado por un prisma rectangular LED de 50 m² de esquinas curvas, complementado por un anel LED inferior de 8 m² coa mesma forma. En conxunto, disporá de 58 m² de superficie audiovisual, capaz de mostrar en 360 graos e en alta calidade repeticións, gráficos, publicidade, estatísticas e retransmisións en directo.
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo inviste 266.583 euros na compra e instalación deste equipamento, que dará un salto tecnóloxico e visual ao recinto deportivo.