A Vicepresidencia da Deputación renova o seu apoio ás actividades de formación en pastoreo de AEDA
A Vicepresidencia da Deputación renova a colaboración coa Asociación para a Desintensificación do Agro (AEDA) para reforzar os recursos formativos para o sector agrogandeiro.
A través da colaboración con AEDA, a área de Rural contribuirá a financiar diversas xornadas e actividades orientadas a mellorar a rendibilidade do pastoreo e das prácticas agrogandeiras ligadas á xestión do territorio.
O deputado Daniel García e o responsable de AEDA Xan Pouliquen mantiveron un encontro no que compartiron a axenda de actividades previstas para este ano, que inclúe xornadas de formación en alimentación de rumiantes, pastoreo e control de malas herbas, domesticación de animais, o uso de aplicacións dixitais para o pastoreo, esquemas de análise de solos ou implantación de sebes.
O responsábel de Rural explicou que “a formación son fundamentais para a rendabilidade económica e a viabilidade das granxas con sistemas de manexo extensivo, de aí a importancia de ofrecer ao sector oportunidades e recursos para adquirir e actualizar coñecementos”.
Xornada sobre prácticas para mellorar o pastoreo en Friol

A primeira das actividades formativas previstas é unha xornada sobre prácticas para mellorar o pastoreo que se desenvolverá o vindeiro luns -23 de febreiro- en Friol, na que se abordarán, entre outras, técnicas para lograr o maximo rendemento do pastoreo ou controlar o crecemento de especies prexudiciais en pastizais.