Deputación de Lugo

A Deputación destaca que a Feira do Butelo “é un exemplo de como a tradición actúa de imán turístico”

Feira do Butelo
a fonsagrada
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo participou xunto ao Alcalde da Fonsagrada na apertura da XXIX Feira do Butelo, que contará con 60 produtores locais que porán a venda este embutido estrela e produtos artesanais

“Aquí conflúen produto, territorio e persoas. Iso é o que fai auténtico e diferencial ao turismo da provincia de Lugo e o que nos permite construír unha marca baseada na identidade, no sabor e no saber facer das nosas xentes”, sinalou Pilar García Porto

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou este sábado xunto ao Alcalde e Deputado de Medio Ambiente, Carlos López López, na apertura da vixésimo novena edición da Feira do Butelo e que reunirá durante a fin de semana a 60 produtores locais que porán a venda este produto estrela da Montaña Lucense e outros produtos artesanais. 

Pilar García Porto destacou durante a inauguración e ante decenas de persoas que se achegaron á carpa que acolle o recinto feiral, que esta tradicional feira “é o claro exemplo de como a tradición actúa como un imán turístico, converténdose en atractivo turístico, en dinamización económica e en proxección exterior”. Nesta liña, sinalou a Deputada que esta cita “transcendeu o ámbito local para converterse nun referente gastronómico, cultural e turístico da provincia”. 

“Aquí conflúen produto, territorio e persoas. Iso é o que fai auténtico e diferencial ao turismo da provincia de Lugo e o que nos permite construír unha marca baseada na identidade, no sabor e no saber facer das nosas xentes”, indicou Pilar García Porto. 

Así mesmo, reafirmou García Porto o apoio da Deputación a este evento ao que achega 35.000€ a través do Plan Deputación, “porque cremos nun modelo de provincia que aposta polo rural, pola calidade e pola posta en valor do propio”. Reivindicou tamén o apoio aos produtores, á hostalería e ao comercio local, “un territorio que cre no seu potencial e que aposta por un turismo sostible, ligado á terra e ás persoas, que xera oportunidades e futuro”

Pilar García Porto felicitou ao Alcalde e ao Concello polo traballo que implica seguir organizando unha feira coma esta, despois de case tres décadas e continuar con ese gran poder de convocatoria, “porque ata aquí achéganse estes días milleiros de visitantes de Galicia, Asturias e doutros lugares para degustar este emblemático produto”, simbolizando “non só a tradición e a cultura, senón tamén a forza do rural lucense”, rematou a Deputada.