A Vicepresidencia da Deputación rende homenaxe ás raíces do Antroido de Val de Francos, lembrando a Xosé Manuel Carballo e Edelmiro García
A Vicepresidencia da Deputación lembrou esta tarde a Xosé Manuel Carballo Ferreiro e Edelmiro García Pérez como principais valedores do Antroido de Val de Francos.
Tras recuperar o ano pasado un cartaz histórico de Xosé Vizoso, a institución provincial mantén a colaboración coa veciñanza para revalorizar este entroido tradicional das parroquias de Goberno, Ansemar e Balmonte, en Castro de Rei, documentado desde comezos do século XX.
Xosé Manuel Carballo Ferreiro, veciño de Goberno e párroco en varias parroquias do concello chairego, e Edelmiro García Pérez, labrego nado na “Casa de Campelo”, en Carril, en Ansemar, tiveron un papel chave na recuperación do Entroido a partir dos anos noventa, mantendo características tradicionais como o sermón, que Edelmiro García escribiu durante 17 anos.
A súa lembranza reuniu esta tarde ás súas familias e a parte da comisión organizadora do Entroido, que se celebrará o vindeiro 17 de febreiro, no Campo do Carril, cunha ampla programación musical, gastronómica e lúdica arredor do xuízo e da queima do Antroido.
A deputada Iria Castro destacou “o interese da Asociación Cultural Val de Francos en manter viva a tradición do Antroido e particularmente a memoria destes veciños como artífices da súa recuperación nos anos noventa, contribuindo á conservación dun riquísimo patrimonio material e inmaterial do que enorgullecerse, non só nestas parroquias ou e na comarca da Terra Chá, senón en todo o país ”
A responsable de Cultura valorou “estes actos simbólicos de recoñecemento e a documentación destas manifestacións culturais en estudos etnográficos e históricos son fundamentais para socializar a súa importancia” e reiterou o “apoio da Vicepresidencia da Deputación ao traballo que se fai desde o ámbito asociativo nesa dirección”
Degustacións de receitas de razas autóctonas con produtos locais
Ademais de colaborar na programación musical do Antroido, coa actuación do grupo de música tradicional Os Valuros, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo colaborará na programación con degustacións gratuítas de produtos de Galiña de Mos, Porco Celta e Raza de Vacún Limiá a través do programa de promoción de razas autóctonas Un gusto de rural, un rural degusto
As persoas asistentes poderán probar carnes destas razas autóctonas subministradas por produtores e produtoras locais: croquetas de Galiña de Mos (produto de Chousa do Lea), minihamburguesas de carne de vacún de raza limiá (da gandería de Ana María Teijeiro, de Loentia), arroz meloso de 3 tomates con costilla de Porco Celta e Rock and Roll de boloñesa Celta con crema suave de allo (produto de Porco Celta O Cibrao).