Deputación de Lugo

A Deputación inicia no Vicedo as obras de mellora de dúas estradas provinciais que vertebran o municipio

Rede provincial de estradas
O Vicedo
Os traballos comezaron coa limpeza de cunetas na LU-P-6401, que é a que conecta as parroquias de Suegos e Falcoeira; na LU-P-6402, que vai da capitalidade a Cristo de Portapena por Cruz da Pardiñeira; e no ramal que une ambas vías

A Deputación de Lugo vén de iniciar no Vicedo as obras de mellora de dúas estradas provinciais que son fundamentais para as comunicacións do municipio. Trátase da LU-P-6401, que une as parroquias de Suegos e Falcoeira, e da LU-P-6402, que vai da capitalidade a Cristo de Portapena por Cruz da Pardiñeira. Os traballos, que comezaron coa limpeza de cunetas, inclúen tamén a mellora do ramal que as conecta.

Carfelo SL é a empresa encargada das actuacións, que con preto de 330.000€, servirán para rehabilitar a zona na que conflúen estas dúas vías provinciais, ao norte do municipio. Concretamente, os traballos da Deputación renovarán os tres primeiros quilómetros da LU-P-6401 –do 0,6 ao 3,2- que enlazan coa estrada autonómica LU-862; e o treito final da LU-P-6402 –do punto quilométrico 17,1 ao 19,3- á altura da parroquia de Negradas, onde a vía conecta coa LU-P-6401 a través dun ramal de 1,164 quilómetros que tamén se mellorará na súa totalidade.

As obras consistirán, ademais da reapertura de cunetas que se está levando a cabo, na pavimentación con aglomerado en quente e sinalización. E o prazo de execución dos traballos será de 3 meses.

Traballos no Vicedo