Deputación de Lugo

Os Reis Magos visitan o Pazo de San Marcos

Reis Magos

Os Reis Magos visitaron este luns o Pazo de San Marcos coincidindo coa súa chegada á provincia de Lugo. Melchor, Gaspar e Baltasar atenderon ao mediodía a máis de 70 nenos e nenas que os agardaban cheos de ilusión no Salón de Actos da Deputación, antes de comezar esta noite o seu percorrido polos concellos lucenses. As Maxestades de Oriente, tras adiantarlles un agasallo, aconsellaron aos máis pequenos deitarse cedo.

Máximus, a mascota do Club Baloncesto Breogán, fixo da espera do público unha festa, bailando e cantando panxoliñas cos paxes. Durante o acto, entregouse tamén un pequeno obsequio aos participantes do concurso de postais de Nadal -que foi unha das novidades deste ano- e no que tomaron parte unha ducia de nenos e nenas do persoal da institución provincial. 

A visita dos Reis Magos á Deputación foi recuperada hai dous anos polo Comité de Empresa e a Xunta de Persoal logo de anos sen celebrarse. Unha cita que conta co apoio e colaboración de moitos traballadores e traballadoras da institución provincial que, voluntariamente, fan deste un evento inesquecible para os máis cativos.