Deputación de Lugo

A Deputación aproba máis de 400.000€ para mellorar dotacións e servizos e reforzar o tecido asociativo

Xunta de Goberno
Pablo Rivera Capón
A Xunta de Goberno deste venres sacou adiante catro acordos en diferentes municipios da Terra Chá, a Ribeira Sacra e a Mariña lucense para financiar proxectos que teñen que ver coa renovación de parques, instalacións deportivas ou equipamentos municipais

Aprobado tamén un convenio coa Asociación Provincial de Reparación e Venta de Automóbiles e Recambios (APREVAR) para a creación dun novo módulo para a formación práctica do alumnado en vehículos híbridos, eléctricos e de hidróxeno

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou 409.652€ para diferentes concellos da Terra Chá, A Ribeira Sacra e A Mariña lucense desenvolvan actuacións que teñen que ver coa renovación de parques, instalacións deportivas e equipamentos municipais. Así o informou o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, quen detallou que “tamén se deu luz verde a unha colaboración que reforzará o tecido asociativo da provincia”. 

Nese sentido, a Deputación de Lugo aprobou destinar 50.000€ á Asociación Provincial de Reparación e Venta de Automóbiles e Recambios (APREVAR) para a creación dun novo módulo para a formación práctica do alumnado en vehículos híbridos, eléctricos e de hidróxeno. Rivera Capón destacou que “coa rápida evolución que está a vivir o sector da automoción, é necesario que APREVAR modernice e actualice as súas instalacións,  garantindo así unha formación axeitada e acorde aos novos modelos e tecnoloxías que están a marcar o futuro do transporte”.

Con este investimento crearase un box na planta baixa, onde agora hai un almacén de carrocería; e ampliarase a aula de formación para adaptala á normativa do Ministerio. As obras que se van realizar implican o desmontado de tabiques e portas; o revestimento do teito e o chan; e a construción de divisións novas, entre outras actuacións. 

Pablo Rivera recordou que a institución provincial apoia “de forma constante a esta entidade que leva case 50 anos representando e defendendo os intereses dos empresarios do sector da automoción da provincia”. Nesta liña, recordou que “recentemente, achegamos 40.000€ a APREVAR para comprar as instalacións de 2.500 metros cadrados que utilizan na Campiña; e destinamos outros 35.000 para formación semipresencial e dixitalización de contidos”. 

 

Novos investimentos en Quiroga, Guitiriz, Xermade e Lourenzá


En canto aos outros acordos aos que tamén se deu luz verde nesta Xunta de Goberno, o Deputado provincial avanzou que “contribuirán a crear contornas máis seguras e atractivas que favorecerán a práctica deportiva e o ocio saudable”. 

En Quiroga aprobouse un investimento de 50.000 euros para o acondicionamento e a renovación do Parque da Constitución, do Parque da Igrexa e do Parque da Praza de España. Entre as melloras que se van realizar destacan:

- No Parque da Constitución: renovarase a zona do areeiro infantil para mellorar a seguridade deste espazo; retiraranse os elementos deteriorados; instalarase unha tirolina e colocarase pavimento de caucho así como novos equipos de xogo infantil.

- No Parque da Igrexa: substituiranse varios elementos de xogo; arranxarase o pavimento de pedra e recolocaranse as lousas de caucho. 

- No parque da Praza de España incorporarase un elemento de sombra para mellorar o confort deste espazo especialmente nos meses de maior calor.

En Guitiriz destínase un investimento de 50.000€ para as seguintes actuacións:

- Adquirir equipamento deportivo para o ximnasio municipal, unha instalación que se atopa en pleno núcleo urbano e é moi empregada por clubs e veciños do municipio. Con esta actuación mellorarase o equipamento deportivo deste complexo, unha dotación que contará con pesas de man ou discos entre outros elementos. 

- Tamén relacionado co ámbito deportivo, este acordo servirá para incorporar un equipo de son para o pavillón municipal, lugar onde se desenvolven moitas actividades como ximnasia rítmica ou fútbol sala.

- Por último, realizarase o peche do campo da feira co que se mellorarán as condicións de uso e seguridade deste espazo que se atopa nunha vía de tránsito rodado. 

En Xermade aprobouse un investimento de 50.000€ para:

- Ampliar o parque infantil situado na contorna do CEIP Plurilingüe no que se instalará pavimento de caucho; módulos de valado e varios xogos como bambáns ou balancís. 

- E axudar ao Concello de Xermade a financiar a modificación dun proxecto que rehabilitará con fondos europeos a casa reitoral para convertela nun Centro Internacional da Torneiría. 

Por último, en Lourenzá deuse luz verde a 209.652€ para realizar as seguintes melloras: 

- Reformar o acceso ao centro de día; rexenerar beirarrúas na rúa Secretario Luís Iglesias; renovar o pavimento de vivendas sociais; mellorar a accesibilidade e as instalacións da piscina municipal; arranxar o chan da Ponte da Pedra; acondicionar zonas verdes e tapizar as butacas do salón de actos da casa consistorial.

- Ademais, tamén se contempla a colaboración con actividades culturais como o entroido, o Nadal, ou propostas teatrais; e tamén eventos deportivos entre os que se inclúe o torneo de baloncesto de Lourenzá en xogo ou a milla popular.