Deputación de Lugo

A mocidade enche o Pazo de San Marcos na xornada da Deputación contra a violencia machista

Xornada querémonos vivas libres e iguais
A V Xornada Querémonos Vivas, Libres e Iguais impulsada pola institución provincial mobilizou este venres a institutos lucenses no marco do programa da Deputación con motivo do 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller

A presentadora, actriz e monologuista Marta Doviro conduciu o evento no que participaron mulleres destacadas como as sociólogas Silvia Pérez e Uxía López; a escritora Antía Yáñez, e a Presidenta da Audiencia Provincial, Sandra Piñeiro

“Hoxe vemos como determinadas correntes pretenden negar a violencia machista ou restarlle gravidade. A nosa resposta é firme: non imos ceder espazo nin tolerar discursos que nos queiran devolver ao silencio do pasado”, aseverou o Presidente

O Pazo de San Marcos encheuse este venres cunha participación maioritaria de mozos e mozas de varios institutos lucenses na V Xornada Querémonos Vivas, Libres e Iguais, impulsada pola Deputación para concienciar á mocidade sobre a violencia machista. A iniciativa forma parte da programación polo 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller. 

O evento, conducido pola presentadora, actriz e monologuista Marta Doviro, contou coa presenza de destacadas mulleres de distintos ámbitos profesionais como as sociólogas Silvia Péreze Uxía López, a escritora Antía Yáñez e a presidenta da Audiencia Provincial, Sandra Piñeiro, que compartiron as súas reflexións sobre igualdade, prevención e sensibilización.

Todas coincidiron en reivindicar, ante un Salón de Actos cheo, unha sociedade igualitaria e libre de violencias machistas. Na cita, que inaugurou o Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participaron tamén a Deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira; os Deputados de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera e o de Medio Ambiente, Carlos López; a Subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López Rodríguez; a Concelleira de Muller, Igualdade e Inclusión do Concello de Lugo, María Ángeles Novo; e alcaldes e alcaldesas da provincia.  

Tomé Roca puxo en valor esta xornada que leva cinco anos denunciando unha lacra social que, no que vai de ano provocou a morte de 32 mulleres asasinadas por violencia machista. Advertiu que “hoxe vemos como determinadas correntes pretenden negar a violencia machista ou restarlle gravidade. A nosa resposta é firme: non imos ceder espazo nin tolerar discursos que nos queiran devolver ao silencio do pasado”. 
Ademais, agradeceu o compromiso e a participación das mulleres intervintes ao longo da mañá, así como dos mozos, mozas e docentes que completaron o aforo do Salón de Actos provincial. Destacou a importancia da implicación da mocidade: “porque sodes as xeracións claves para impedir retrocesos e desmontar discursos que pretenden levarnos atrás”. Engadiu tamén que “en igualdade non admitimos discusión, non aceptamos matices e non permitimos nin un paso atrás” e concluíu dicindo que “esta xornada é unha ferramenta máis para seguir avanzando”, polo que incidiulles que, “o que escoitedes hoxe vos inspire, vos dea criterio e vos anime a actuar”, rematou Tomé Roca.

Charlas, reflexións e monólogos

A V Xornada Querémonos Vivas, Libres e Iguais comezou coa intervención da socióloga e experta en violencia de xénero, Silvia Pérez Freire, quen abordou a importancia da igualdade e da empatía como piares fundamentais da convivencia. A continuación, a escritora e docente Antía Yáñez Rodríguez impartiu unha charla na que destacou que o feminismo non é unha moda, senón unha ferramenta de transformación social. 

Tras o descanso, a socióloga Uxía López Mejuto presentou a súa conferencia titulada Desactivando os mitos do amor romántico: ferramentas contra a violencia de xénero na adolescencia, centrada na prevención e sensibilización da mocidade. A continuación, a presidenta da Audiencia Provincial de Lugo, Sandra Piñeiro Villar, falou sobre un tema de plena actualidade: a ciberviolencia, que reflicte como as agresións tamén se producen nos espazos dixitais.

A xornada pechou coa actuación da actriz e monologuista Marta Doviro, co seu espectáculo Nin machismi, nin feminismi, no que desmontou tópicos e reflexionou sobre a igualdade a través do humor. Finalmente, a Deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira, clausurou esta quinta edición.

Performance do alumnado da Escola polo 25N

O programa que impulsa a Deputación con motivo do 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, complétase o luns 24 de novembro cunha performance protagonizada polos alumnos e alumnas do Centro de Formación Audiovisual da Deputación de Lugo.

A actividade terá lugar entre as 12:00 e as 12:30 horas, e o alumnado estará vestido con camisetas e caretas negras para realizar diversas accións simbólicas que transmiten mensaxes de denuncia contra a violencia de xénero. O obxectivo desta iniciativa é sensibilizar á cidadanía sobre a violencia machista e promover a participación activa da mocidade na defensa da igualdade e os dereitos das mulleres. No caso de choiva, o evento trasladarase ao recibidor do interior do Pazo de San Marcos.