Deputación de Lugo

O Presidente asegura no Centro Galicia de Bos Aires que “a identidade galega segue viva e orgullosa a dez mil quilómetros da casa”

Bos Aires
José Tomé Roca
Tomé Roca, recibido entre gaitas e aplausos, visitou a sede do colectivo e amosouse emocionado por comprobar o traballo tan intenso que se realiza, preservando máis de 20.000 volumes na biblioteca e obras de Castelao, Seoane ou Laxeiro, ademais de ter unhas instalacións deportivas das máis grandes da cidade

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, protagonizou un dos momentos máis significativos e emocionantes da súa axenda institucional na Arxentina coa súa visita ao Centro Galicia de Bos Aires, onde foi recibido ao son das gaitas e entre aplausos da colectividade galega, nun ambiente de irmandade e profundo sentimento de pertenza.

O mandatario provincial, acompañado do senador lucense César Mogo, percorreu as instalacións deste histórico espazo que é hoxe un referente da cultura, a identidade e a cohesión galega na América Latina. Durante o percorrido, visitou a biblioteca, as exposicións dedicadas a Castelao e Luis Seoane, e tamén o ximnasio, o teatro e a piscina, instalacións que amosan o carácter integral e moderno dunha entidade que combina deporte, cultura e comunidade.

No encontro coa Xunta Directiva do Centro Galicia e cos representantes dos diferentes colectivos galegos de Bos Aires, o Presidente amosou o seu orgullo pola labor que realiza esta institución, fundada en 1979 e con máis de 20.000 socios, que funciona como auténtica casa da colectividade galega na Arxentina e símbolo vivo da Galicia universal. Antes, era o Centro Lucense en Bos Aires e pasou a levar as agrupacións de todo o conxunto do territorio galego. 

“É emocionante comprobar como, a máis de dez mil quilómetros da nosa terra, a nosa lingua, a nosa música e as nosas tradicións seguen vivas grazas ao traballo e o compromiso desta comunidade. A identidade galega segue viva e orgullosa aquí, no corazón de Bos Aires”, asegurou o Presidente emocionado.

Durante a reunión, José Tomé Roca interesouse polo funcionamento do centro e  destacou o papel fundamental das entidades galegas no exterior como embaixadas culturais de Galicia no mundo, e agradeceu o seu esforzo constante por manter vivas as raíces e proxectar a imaxe dunha Galicia aberta, moderna e solidaria.

“O Centro Galicia é un orgullo colectivo. Representa a Galicia que non esquece, que se adapta e que segue mirando ao futuro con orgullo e compromiso. Lugo está aquí, presente, na forza e na emoción desta comunidade”, destacou.

A visita culminou cun acto institucional e un intercambio de agasallos, no que o presidente trasladou en nome da Deputación “o cariño, o respecto e o agradecemento do pobo lucense a todos os galegos e galegas da Arxentina”. A xornada rematou cunha fotografía conxunta coa directiva e cos grupos culturais e musicais do centro, nun ambiente de emoción, agarimo e irmandade.

Unha pinacoteca “extraordinaria”


Durante a visita, Tomé Roca puido coñecer tamén parte do extraordinario patrimonio artístico e documental que conserva o Centro Galicia, descrito como “un auténtico tesouro galego en Bos Aires”. As instalacións acollen unha das pinacotecas máis valiosas da emigración galega, con obras de artistas fundamentais como Luis Seoane, Laxeiro, Colmeiro ou Maside, expoñentes da vangarda artística galega do século XX. Entre as xoias máis destacadas atópase o cadro orixinal “A derradeira lección do mestre”, de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, unha das obras máis emblemáticas da arte galega contemporánea e símbolo da defensa da liberdade, da cultura e da educación.

Ante esta peza universal, José Tomé Roca detívose con emoción, recoñecendo que “ver o orixinal de ‘A derradeira lección do mestre’ aquí, tan lonxe da nosa terra, é un impacto profundo. É unha lembranza viva da Galicia que sufriu, pero que nunca se dobregou. É un símbolo do noso espírito e da nosa dignidade como pobo”. O mandatario lucense destacou que a conservación desta obra en Bos Aires é unha mostra do papel insubstituíble da emigración galega, que non só levou consigo traballo e esperanza, senón tamén a responsabilidade de preservar a cultura e a memoria colectiva de Galicia.

O Centro Galicia de Bos Aires garda tamén unha biblioteca con máis de 20.000 volumes, así como unha valiosa colección de documentos, revistas e arquivos da emigración galega. Estes fondos constitúen unha auténtica memoria viva da Galicia exterior, un legado que testemuña a forza intelectual e cultural da colectividade ao longo de máis dun século. 

O Centro Galicia de Bos Aires, dependente da Federación de Asociacións Galegas, é unha das institucións galegas máis destacadas do mundo e un referente de participación cultural, social e deportiva. Desde as súas instalacións promóvese a música, a danza, a literatura e o ensino da lingua galega, converténdose nun exemplo da continuidade da identidade e dos valores galegos no exterior.