A Deputación participa na andaina solidaria que organiza Aspnais polo centro de Lugo

O Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández Méndez, participou este sábado na andaina solidaria Holi Run que organiza a Asociación de Pais ou Titores de Persoas con Discapacidade Intelectual de Lugo (Aspnais) polo centro de Lugo. O percorrido, de preto de tres quilómetros, partiu da rúa Santiago e entre outras autoridades que participaron xunto ao responsable provincial, estivo presente o presidente da entidade, José Reigosa.
A Deputación de Lugo colabora cunha achega anual de 5.000 euros para o programa de intervención psicolóxica de Aspnais, destinado a mellorar a calidade de vida dos seus usuarios. Ademais a institución provincial ten cedidas, en favor da asociación, as antigas instalacións do hospital San Xosé.