Deputación de Lugo

A Deputación convida a asistir á Gala Solidaria de Auxilia Lugo a favor da inclusión e a igualdade

Pablo Rivera Capón
Auxilia Lugo
Gala solidaria
O Deputado de Promoción Económica e Social participou este venres en San Marcos na presentación da velada, facendo un chamamento á participación cidadá “para apoiar a inclusión das persoas con diversidade funcional desde a cultura e a solidariedade”

A gala celebrarase o 12 de setembro, ás 18:30 horas, no Auditorio Gustavo Freire e contará coas actuacións de Adrián Vigo, Airiños de Orbazai e Milesios

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, xunto coa Delegada de Auxilia Lugo, Nuria Neira Vila presentaron este venres na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos a Gala Solidaria do colectivo para recadar fondos a favor da inclusión e da igualdade das persoas con diversidade funcional na provincia. 
Durante a presentación, Pablo Rivera fixo un chamamento á participación cidadá a este evento porque,“cada vez que nos implicamos como sociedade nun proxecto como o de Auxilia, estamos a dicir que queremos unha provincia que se sosteña no coidado mutuo, no respecto e na igualdade real”, sinalou o Deputado quen engadiu que “non é un xesto pequeno: é unha declaración colectiva de quen somos e de cara onde queremos camiñar como sociedade”.


A Gala terá lugar o vindeiro 12 de setembro, ás 18:30 horas, no Auditorio Gustavo Freire,e contará coas actuacións do cantautor Adrián Vigo, do grupo tradicional Airiños de Orbazai e da banda de música celta Milesios. As entradas terán un prezo solidario de 10 euros, que se poderán adquirir o mesmo día do evento no acceso ao auditorio. Ademais, as persoas que non poidan asistir poderán colaborar a través da Fila 0, realizando unha doazón simbólica de 8 euros mediante o código BIZUM 12495.


Rivera Capón lembrou ademais que a Deputación colabora con Auxilia Lugo e a delegación de Monforte de Lemos para o desenvolvemento de programas como o de promoción da autonomía persoal no domicilio rural, “unha iniciativa que busca mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade física residentes en concellos rurais da provincia”.