Deputación de Lugo

A Deputación colabora coa Real Academia Galega de Ciencias para a organización dunha nova edición das xornadas Luis Asorey

José Tomé Roca
real academia de ciencias
XORNADAS LUIS ASOREY
Sinatura convenio Real Academia Galega de Ciencias
O Presidente da institución provincial, José Tomé Roca, e o presidente desta entidade, Juan Manuel Lema Rodicio, veñen de asinar un acordo mediante o cal a Deputación destina 5.000€ para a celebración deste ciclo de conferencias

A 36ª edición deste evento, no que se abordarán os retos do sector forestal galego, está previsto que se desenvolva os días 17 e 27 de novembro no Salón de Actos do Pazo de San Marcos

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o presidente da Real Academia Galega de Ciencias, Juan Manuel Leda Rodicio, veñen de asinar na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos un acordo de colaboración mediante o cal a institución provincial realiza unha achega económica de 5.000€ a esta entidade para a organización da 36ª edición das Xornadas Luis Asorey. Esta cita, na que se inclúe un total de sete conferencias, está prevista que se desenvolva os días 17 e 27 de novembro no Salón de Actos do Pazo de San Marcos e abordará, nesta edición, os retos, as fortalezas e as debilidades do sector forestal galego. 

José Tomé puxo en valor a traxectoria da RAGC que leva “case 50 anos fomentando a investigación, o estudo e a divulgación das ciencias, así como as súas aplicacións e a incorporación do coñecemento científico á sociedade”. O mandatario provincial destacou tamén a importancia de abordar “da man de expertos na materia a situación do sector forestal especialmente nun momento crítico como o actual, no que a provincia de Lugo está a sufrir unha dura vaga de incendios que está a poñer en risco o noso patrimonio natural, a seguridade das persoas e o futuro económico das zonas rurais”. 

Ao igual que en anteriores ocasións as persoas interesadas poderán acceder de xeito gratuíto e será necesario inscribirse previamente a través da Real Academia Galega de Ciencias. 

Programa


17 de novembro: Coníferas, eucaliptos e outras frondosas...elección de especie para a repoboación forestal en Galicia a cargo de Antonio Rigueiro Rodríguez.

18 de novembro: Sanidade forestal en Galicia impartida por Mª Josefa Lombardero Díaz.

19 de novembro: En bosque pequeno non hai carballos: opcións silvícolas para o carballo en Galicia a cargo de Roque Julio Rodríguez Soalleiro.

20 de novembro: O proxecto de valorización da madeira de frondosas de Galicia por Abelardo Nimo Silva.

24 de novembro: O mercado das frondosas para construción en Galicia e Europa da man de Vanesa Baño Gómez.

26 de novembro: Oportunidades do asociacionismo cara a Xestión sostible dos montes. Compensación de Servizos ecosistémicos de Daniel Rodríguez Cebreiro. 

27 de novembro: Estratexia para o fomento da xestión activa das masas de frondosas en Galicia a cargo de José Luis Chan Rodríguez.